Supresión de barreiras arquitectónicas na Avda. de Vigo
Un dos obxectivos da Concellaría de Mobilidade do Concello de Cangas é traballar en estreita colaboración coa Concellaría de Obras e Servizos para a eliminación das barreiras físicas que cada día sofren as persoas con mobilidade reducida. “Sabemos que hai moito traballo por facer xa que non foi ata agora unha prioridade nas actuacións urbanísticas pasadas, polo que debemos incorporar as medidas correctoras cara a eliminación e corrección dos erros do pasado, establecendo as bases para o futuro”.
A avenida de Vigo no centro urbano de Cangas é unha área que, ao carecer dun instrumento de planeamento axeitado, foi desenvolvéndose sen ter en conta as necesidades en canto a accesibilidade, provocando que as beirarrúas sexan, na súa maior parte, verdadeiros obstáculos para as persoas con mobilidade reducida.
A Concellaría de Obras e Servizos contratou un estudo topográfico para a elaboración dun proxecto ambicioso por parte dos técnicos municipais de mellora e humanización das entradas ao casco urbano: por un lado a entrada pola Avda. Coruña e Avda. de Vigo e doutro lado a entrada desde a Avda. Castroviejo e Avda. de Ourense. Este estudo topográfico é imprescindible para a realización dun proxecto rigoroso cara a súa presentación ante a Xunta de Galicia, que é a Administración titular destas estradas, para conseguir os fondos necesarios para súa execución que pola súa elevada complexidade tería que desenvolverse en varias fases.
Mentres este proxecto e a implicación da Xunta de Galicia non sexan efectivos, a Concellaría de Mobilidade e a de Obras e Servizos van actuar para a supresión de barreiras arquitectónicas nas beirarrúas da Avda. de Vigo, nos pasos de peóns e cruces nun total de 65 actuacións e cunha superficie de 163,04 m2. Solicitáronse varios orzamentos e nos vindeiros días comezarán a executarse os traballos.
Nun entorno accesible e sen barreiras, as persoas con discapacidade mellorarán de forma significativa as súas habilidades e a súa autonomía, incrementarán a súa participación e autoxestión na vida diaria e social, evitarán situacións de marxinación, reducirán a dependencia de terceiros e incrementarán a prevención desta dependencia. O Cangas do futuro debe construírse con pequenos detalles que melloren a vida da xente e faciliten que todos e todas poidamos gozar do noso concello en igualdade de condicións.
- Log in to post comments



