Ir o contido principal

Solidariedade con Portugal ante a traxedia de Leiría

FacebookTwitterShare
Solidariedade con Portugal ante a traxedia de Leiría

Membros da Corporación Municipal, traballadores e traballadoras deste Concello, representantes do tecido asociativo de Cangas e veciños e veciñas desta vila concentráronse ás 12:00 horas ás portas do Concello para mostrar a súa solidariedade co pobo de Portugal nestes momentos de infinita tristeza.

Contouse coa presenza do Cónsul de Portugal en Vigo, Manuel Correia Dasilva, que aproveitou a visita para agradecer as mostras de afecto de todos os cangueses e canguesas e dos galegos e galegas en xeral. “É triste atoparnos aquí nestas circunstancias. Quero reiterar o agradecemento de todo o pobo portugués ao pobo galego pola súa dispoñibilidade durante estes 4 días complicados. Non fai falla falar das ligazóns de Galicia con Portugal, xa que ambos pobos temos unhas raíces comúns”.

En nome de todos e todas, o alcalde Xosé Manuel Pazos, reiterou a solidariedade de toda a veciñanza canguesa coa cidadanía portuguesa. “A bandeira de Portugal ondea a media asta xunto coa galega, en sinal de dor, tristeza e solidariedade co noso país irmán, sobre todo ante un feito que podería pasar no noso propio país. O noso monte non é precisamente un exemplo de coidado. En colaboración coa Xunta de Galicia debemos buscar unha política comprometida cos montes que permita que situacións como estas non se volvan a repetir”.