Presentación da programación do Nadal 2017/18
Esta mañá presentouse na Casa da Xuventude a programación de Nadal 2017/18, acto no que estiveron presentes Héitor Mera Herbello, concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Andrés García Bastón, concelleiro de Mocidade e Voluntariado, e a artista Andrea Pousa.
A programación comezará o mércores 21 de decembro e desenvolverase ata o 5 de xaneiro. Nela contémplanse decenas de actividades pensadas para o gozo de todo o pobo e, especialmente, para o dos máis pequenos e pequenas. Trátase un rico programa dirixido a todos os públicos nos que están presentes moitos e moi variados elementos: o deporte, os espectáculos, o teatro, a música, os xogos, os obradoiros, as chocolatadas, os festivais, as exposicións, etc. Na súa elaboración participaron diversas concellarías, así como varias asociacións da vila.
Dentro do mesmo englóbase o denominado como “Enredos de Nadal”, un proxecto que se dirixe a nenos e nenas de 3 a 12 anos e que se levará a cabo os días 26, 27, 28, 29 e 2, 3, 4 e 5 no CEIP Nazaret e no CEIP Espiñeira-Aldán. Entre os seus obxectivos principais atópanse:
- Fomentar a igualdade de oportunidades.
- Crear un lugar de encontro entre rapaces e rapazas.
- Potenciar un modelo de sostibilidade social.
- Promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral da cidadanía.
- Xerar unha rede de servizos sociocomunitarios diversos e flexibles.
- Desenvolver actividades para nenos e nenas fóra do horario escolar, en períodos vacacionais, tendo en conta a perspectiva de xénero.
Estes fins poderanse conseguir a través dos talleres, xogos cooperativos ou dinámicas de grupo que se realizarán cos rapaces e rapazas participantes, os que tamén poderán dispoñer de comedor. Cómpre lembrar que a inscrición pódese realizar na Casa da Xuventude ata o vindeiro día 19.
O día 24 o Apalpador percorrerá as rúas de Cangas. A saída realizarase ás 19:00 horas desde a Casa da Xuventude.
O Auditorio Municipal acollerá diversos espectáculos, entre eles o teatro infantil ‘A verdadeira historia do lobo feroz’ o día 26 ás 18:00 horas ou ‘Kimba a lenda, o león’ o día 28 á mesma hora.
O último día do ano realizaranse as precampanadas de fin de ano nos Xardíns de Soaxe, unha actividade que está pensada como “festa infantil”. Nesa xornada tamén terá lugar a Carreira de San Silvestre, cita que acolle a un gran número de participantes. O 5 de xaneiro os Reis Magos visitarán Cangas para deixar agasallos por todos os fogares da vila. A cabalgata comezará ás 18:00 horas, unha actividade que suscita unha grande ilusión entre os máis pequenos e pequenas.
“A programación de Nadal significa tradición, divertimento, educación e colaboración. A colaboración cos diversos colectivos de Cangas é fundamental”, así o declarou o concelleiro de Cultura na presentación do evento. Un dos grandes atractivos deste ano é a presenza de Andrea Pousa, que presentará o seu último disco ‘Respirar’ no Auditorio de Cangas o día 23 ás 21:00 horas: “Andrea Pousa é unha das protagonistas de Keltia-O musical, un espectáculo que abraiou a todo o pobo e que conseguiu un enorme éxito. Por iso pensamos que esa marabilla debía ter continuidade”.
O concelleiro Andrés García Bastón quixo aproveitar o acto para aconsellar a toda a poboación de que non caia no consumo abusivo: “Gastemos o necesario e gocemos do remate do ano”.
A continuación pódense ver todas as actividades que se engloban dentro da programación:
- Log in to post comments



