Presentación da IX Marcha Solidaria “Fina Acuña”
Membros da Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama (Adicam) acudiron hoxe á Casa da Xuventude para presentar a IX Marcha Solidaria "Fina Acuña", evento no que colabora a Concellaría de Ensino e Deporte.
A andaina celebrarase o vindeiro domingo, día 22 de outubro. Faranse varias saídas, unha de Bueu ás 09:45 horas e outra de Moaña ás 10:00 horas para lograr que todos os grupos se atopen na Casa da Bola ás 12:00 da mañá. Alí lerase un manifesto para agradecer a asistencia a todos e todas as participantes, para trasladar o que se pretende conseguir coa asociación e con todas as afectadas que padecen esta enfermidade. Tratarase dun texto que terá presencia en todo o ámbito nacional, posto que o empregarán as formacións que pertencen á Federación Española de Cancro de Mama (Fecma).
Este ano, a andaina leva o nome de Fina Acuña, designación que se utilizará a partir de agora nas futuras marchas solidarias. Convén lembrar que Fina Acuña, fundadora e primeira presidenta de Adicam, faleceu o pasado mes de xullo tras unha intensa loita contra esta enfermidade.
Nas tempadas anteriores, o evento sempre conseguiu unha alta participación, chegando o ano pasado a superar as 1000 persoas. A presidenta de Adicam, Olga María Sotelo Pastoriza, espera que se acade un número similar de asistentes. Todos eles gozarán dunha xornada na que “a seguridade é primordial”, razón pola que se contará coa colaboración da Policía Local e de Protección Civil ata chegar ao destino indicado.
É necesario destacar que mañá, día 19 de outubro, conmemórase o día do Cancro de Mama, razón pola que Adicam fará unha xornada de portas abertas a todos os que desexen visitar a sede. “Vamos festexar por todas as que estamos aquí, contaremos con gaiteiros, realizaranse dúas tiradas de globos, farase a lectura do manifesto, teremos un concerto…”, explica a presidenta da asociación.
Sumado a todo isto, estableceranse mesas informativas en Cangas o venres 20 e o sábado 21 en Moaña.
O concelleiro de Ensino e Deportes, Xoán C. Chillón Iglesias, anima a toda a veciñanza a asistir á andaina solidaria.
- Log in to post comments



