Ir o contido principal

Presentación da guía de puntos de acceso, salvamento e evacuación das praias de Cangas

FacebookTwitterShare
Presentación da guía de puntos de acceso, salvamento e evacuación das praias de Cangas

Esta mañá, no Salón de Plenos do Concello de Cangas, presentouse a ferramenta informática “Puntos de Acceso, Salvamento e Evacuación das Praias de Cangas”, desenvolvida polo alumnado en prácticas do Ciclo Medio de Emerxencias e Protección Civil do IES Antón Losada Diéguez.

Esta ferramenta nace pola necesidade de dar maior operatividade aos servizos de emerxencia e seguridade para acceder aos areais e facilitar o traballo dos equipos en caso de urxencia.

Cesáreo Coya, responsable do Servizo de Protección Civil de Cangas, fala dunha “ferramenta útil que da cobertura a accesos pouco practicables e que mellora os tempos de intervención cando os medios non proceden do propio concello”.

A nova aplicación, baixo o nome “Pase Cangas”, é froito do traballo de campo de 4 alumnos/as do Ciclo Medio de Emerxencias e Protección Civil (Marita Janeiro, Alexandre Moledo, María Lago e David Ferreira), que desenvolveron unha dura labor de coordinación en campo para comprobar as localizacións, cordeadas e os tempos de intervención.

A ferramenta funciona con Google Maps, indicando os puntos recomendados de acceso para atención e evacuación de vítimas. Soamente será necesario ter un dispositivo con conexión a Internet e darse de alta na plataforma a través do envío dun e-mail que permitirá validar o acceso á ferramenta.

As praias aparecen ordenadas por orde alfabética e están organizadas por sectores, en función das súas dimensións e os distintos puntos de acceso dos que dispoñan. Ademais actualiza o tráfico en tempo real, permitindo escoller a mellor ruta e mellorando a accesibilidade a puntos conflitivos.