Ir o contido principal

A Praza de Abastos de Cangas ofrecerá o sábado 26 de maio un obradoiro de cociña creativa

FacebookTwitterShare
Obradoiro de cociña creativa na Praza de Abastos

O Concello de Cangas en colaboración coa Xunta de Galicia prepara para o sábado 26 de maio, diversas actividades lúdicas e festivas de promoción do mercado local e praza de abastos baixo o lema «Quere o teu mercado».

“Quere o teu mercado” é o lema en galego da Campaña Internacional dos Mercados, unha iniciativa que a Xunta de Galicia promove en colaboración cos Concellos, as Prazas de Abastos e as Federacións e Asociacións de comerciantes. Por cuarto ano consecutivo e durante a segunda quincena do mes de maio, organizaranse actividades en máis de 90 mercados de Galicia.

O sábado 26 de maio celebrarase na Praza de Abastos de Cangas o Día do Mercado, e a actividade central será un obradoiro de cociña creativa con produtos frescos do mercado, actividade organizada pola Asociación de Restauradores de Cangas (ARECA) e a colaboración de Adrián Albino, Chef do Restaurante NIÑO CORVO – COCIÑA SEN VERGOÑA (Vigo).

Este obradoiro de cociña complementarase co asesoramento da ASOCIACIÓN DE VITICULTORES DA IXP RIBEIRAS DO MORRAZO, que amosará a mellor maridaxe para cada un dos pratos que se preparen.

O taller de cociña desenvolverase no 2º andar da Praza de Abastos, comezará cara ás 11:00 horas e terá unha duración aproximada de 90 minutos. As persoas interesadas deben inscribirse previamente, enviando o seu nome completo, DNI e teléfono ao correo electrónico dlocal@cangas.gal, ou ben contactando no teléfono 986301371. A inscrición é totalmente gratuíta, e as primeiras 20 persoas inscritas recibirán o mércores 23 de maio un mail de confirmación da súa participación no obradoiro.

Contarase con outras actividades e colaboracións para a celebración do Día do Mercado, que se irán concretando nos vindeiros días.

Anímase a toda a veciñanza a participar!