Ir o contido principal

O Concello renova parte do equipamento informático da Casa de Oficios

FacebookTwitterShare
 O Concello renova parte do equipamento informático da Casa de Oficios

O Concelleiro de Participación veciñal, transparencia e asociacionismo, Suso Pérez Gallego, acudiu onte as instalacións municipais da Casa de Oficios para supervisar as tarefas de renovación dos equipos informáticos que se están a levar a cabo desde a súa Concellaría. De acordo coas necesidades de equipamento que lle comunicou o director de Desenvolvemento Local, os equipos destináronse a unha das aulas e ás oficinas do centro. En concreto substituíronse os ordenadores que estaban máis obsoletos, todos eles con máis dunha década de uso, e que de feito moitos deles xa non se podían empregar nin para realizar as tarefas máis básicas como a busca de información en Internet. Outros dos ordenadores do centro continuarán en uso, quedando á espera de que podan ser renovados a medio prazo. O equipamento informático é un requisito imprescindible para poder ter homologados os cursos, e esta homologación é un paso previo para despois poder presentarse á convocatoria de subvencións que anualmente publica a Xunta de Galicia. Neste momento a Casa de Oficios ten homologadas un total de 35 especialidades formativas (pertencentes a 8 familias profesionais), das que 23 delas son certificados de profesionalidade.

A concelleira de Desenvolvemento Económico e Emprego Local, Ánxela Vizoso Marcos, responsable da área de formación para o emprego, enmarca esta mellora das infraestruturas do centro no esforzo que se esta a realizar desde o Concello, e en particular desde a súa Concellaría, por realizar actuacións de diferente natureza que axuden a mellorar a situación laboral da veciñanza que se atopa na procura dun emprego.

Con esta actuación o Concello de Cangas actualiza parte do equipamento informático do centro municipal de formación no que nestes últimos 20 anos lévanse impartido, entre outras actividades, en torno a un centenar de cursos de longa duración, a maioría deles con varios centos de horas de formación cada un, xeralmente certificados de profesionalidade, e que se dirixen preferentemente ás persoas en situación de desemprego que se formar para ampliar as súas oportunidades de atopar un emprego cualificado. Outras das accións desenvolvidas no centro foron os Programas Integrados de Emprego, antes denominados experimentais (sobre o último dos cales recentemente a Xunta de Galicia lle comunicaba ao Concello que conseguiran acadar a inserción laboral dos participantes á que se comprometeran na solicitude), os cursos de galego (impartidos durante dez anos consecutivos), cursos para ocupados, cursos de corta duración e charlas de temáticas moi diversas, a preparación de proxectos de formación e emprego como os das escolas obradoiro e dos obradoiros de emprego (que se desenvolven nas instalacións de Granxa da Rúa), etc. Neste último curso escolar, entre outras actividades formativas, impartíronse tres certificados de profesionalidade que sumaron un total de 1.884 horas de formación presencial. Para o vindeiro curso escolar o Concello ten solicitado á Xunta de Galicia varios cursos de diferentes especialidades formativas, tanto de certificados de profesionalidade como de competencias clave, estando neste momento á espera de que se coñezan os que se conceden.