Novo parque para práctica deportiva ao aire libre
A Concellaría de Obras e Servizos en coordinación co concellaría de Ensino e Deporte, dentro do proxecto de “Ampliación de espazos de xogo e zonas de lecer” financiado co Plan de Concellos 2017 da Deputación Provincial, incluíu a instalación dun espazo ao estilo do “street workout” para aumentar as dotacións deportivas do concello e fomentar hábitos de vida saudable.
Esta modalidade deportiva leva máis de 10 anos desenvolvéndose por Europa como pistas de adestramento ao aire libre e os seguidores describen como un estilo de vida, caracterizado por valores como o respecto, a educación e a solidariedade.
Un parque de “street workout” é unha instalación simple, similar á dun parque infantil. Todos os elementos cumpren unhas especificacións técnicas de seguridade. Ao tratarse dunha práctica deportiva que se fai ao aire libre, lógrase que o deporte sexa máis accesible a todos os cidadáns e afóndase no modelo de concello saudable e amable que se busca.
Cangas é un municipio que vive o deporte e aposta por unha forma de vida saudable, polo que desde as concellarías decidiuse dotar un espazo cos elementos necesarios para a práctica e adestramento nunha contorna aberta como é a do paseo da praia de Rodeira, (contando cos permisos de Costas do Estado) onde diariamente ducias de veciños e veciñas practican algunha modalidade deportiva.
Características técnicas do elemento:
Street Workout. Elemento de ximnasia composto por unha barra de impulso, espaldeiras de 1,9 e 1,4 metros de altura, barras paralelas, banco de abdominais, barra fixa de largo 1,2 metros e altura 2,8 metros e outra de largo 1,0 metros e altura 1,5 metros, para persoas maiores de 14 anos.
Altura de caída libre: 2,4 metros.
Superficie de seguridade: 7,67 x 8,23 metros.
Fabricado con postes de aceiro galvanizado de 95x95 milímetros e acabado en granito de dous tons de gris, tubos de aceiro inoxidable de 60 milímetros de diámetro, taboeiros de HPL, compacto de 13 milímetros de espesor, parafusos e complementos de fixación de aceiro inoxidable protexidos por cápsulas antivandalismo en poliamida. Certificado GS-TÜV conforme Norma EN1176.
- Log in to post comments



