Inicio de campaña, centros de votación e voluntariado do proceso participativo para a elección dos festivos locais
A Concellaría de Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo xa fixo públicas as candidaturas definitivas que formarán parte do proceso participativo para a elección dos festivos locais:
- 12 de abril, día de Venres das Dores
- 14 de abril, día da República
- 24 de xuño, día de San Xoán
- 16 de xullo, día do Carme
- 16 de agosto, día de San Roque
- 22 de novembro, día de Santa Cecilia, patroa dos músicos
Así e como o establecen as bases, o período de campaña comezará o vindeiro 12 de maio e estenderase ata o sábado 26. O principal requisito consiste en que esta se desenvolva en positivo, xa que non se admitirán ataques ás demais opcións presentadas.
Unha vez transcorrido este prazo levarase a cabo a consulta o día 27 entre as 10:00 e as 19:00 horas. Haberá un centro de votación por parroquia: as bibliotecas parroquiais do Hío, Aldán, Coiro e Darbo e a entrada do edificio do Concello, en Cangas. O Salón de Plenos será empregado para facer o reconto, que estará aberto ao público.
Cómpre destacar que calquera persoa empadroada no municipio maior de 16 anos a 31 de decembro de 2017 poderá exercer o seu dereito a sufraxio no local de votación que desexe. O censo universal é posible grazas a unha plataforma dixital que permite facer un rexistro, impedindo así as duplicidades de voto.
VOLUNTARIADO
O Concello anima á cidadanía a integrarse dentro do equipo de voluntariado. Sen dúbida trátase dun proceso innovador para o cal se necesita a colaboración e implicación do pobo de Cangas.
Os únicos requisitos para ser voluntario/a son:
- Ser maior de 16 anos
- Estar censado/a en Cangas
As funcións que se desempeñarán serán as de formar parte das mesas de votación e do posterior reconto.
Para anotarse é necesario pórse en contacto coa Oficina Municipal de Voluntariado (Casa da Xuventude, Rúa Real, 29, 36940) a través do correo electrónico voluntariado@cangas.gal ou no número de teléfono 986 39 21 71.
- Log in to post comments



