Exposición Contas Claras de Cangas e conversa para pór en marcha orzamentos participativos no Concello

Este xoves día 20 de abril inaugúrase ás 20 horas na entrada do Auditorio de
Cangas a exposición Contas Claras de Cangas, unha exposición coa que dar a coñecer o funcionamento das arcas municipais así como os investimentos realizados na actual lexislatura (ano 2016 e a previsión do ano 2017).
A exposición, promovida dende a Concellaría de Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo ten dous obxectivos principais:
- Facer visibles e comprensibles os datos do orzamento municipal, un exercicio de transparencia de dentro para fóra. Para iso os materiais expostos explicarán conceptos básicos para entender o funcionamento dos orzamentos así como a evolución histórica dos mesmos. Existirá tamén un apartado adicado ás áreas de competencia dun concello, é dicir, explicaranse os orzamentos, non só dende o punto de vista das cifras, senón tamén en clave espacial e temporal. O lugar central da exposición o ocupará un grande esquema (3,00 x 1,50 metros) que desglosará as contas do Concello de Cangas do ano 2016. Ingresos e gastos clasificados, perseguindo así a claridade de lectura e comprensión por parte da veciñanza.
- Abrir un espazo de conversa e reflexión sobre os tipos de investimentos que realiza o concello, sentando así as bases para pór en marcha uns orzamentos participativos no concello. A exposición conta cunha parte participativa na que, a través de fichas, a veciñanza poderá facer as súas achegas. Polo momento trátase dunha consulta que servirá para ver cales son as demandas potenciais de investimentos na vila. Esta actividade, que
ten como nome “ HAI QUE” convida a facer propostas de gasto, pero tamén a reflexionar sobre o equilibrio orzamentario, é dicir, a persoa participante deberá decidir se financia a súa proposta en base a novas partidas de ingreso ou axusta (recorta) outras xa existentes.
A inauguración terá lugar o xoves día 20 ás 20:00 horas e estará no Auditorio de
Cangas ata o día 3 de Maio, data na que iniciará o seu percorrido polas parroquias, sendo o Hío, Coiro, Aldán e Darbo (nesa orde) os seus seguintes destinos.
A exposición estará acompañada de reunións presenciais cada xoves ás 20.00
horas , e contará dunha audioguía coa intención de facilitar a lectura da información ao maior número de persoas posible. Grazas a estes materiais a exposición será accesible, bastará cun teléfono móbil para acceder aos materiais audiovisuais.
Queremos convidar a toda a veciñanza e colectivos veciñais, culturais, deportivos, etc., e a todo o tecido asociativo a participar e asistir a esta exposición. Nos vindeiros días poderase atopar todo o material audiovisual, a audioguía e toda a información da exposición na páxina web do concello www.cangas.gal e nas redes sociais.
- Log in to post comments