Ir o contido principal

Esforzo orzamentario en Cangas para a reforma do CEIP San Roque

FacebookTwitterShare
Esforzo orzamentario en Cangas para a reforma do CEIP San Roque

Partindo da reforma de centros cunha tipoloxía semellante, que no seu momento foron vangardistas pero que sufriron o deterioro do paso do tempo, púxose en marcha un proxecto de eficiencia enerxética no CEIP San Roque de Darbo que supuxo unha renovación integral das instalacións (ventás, persianas,  luminarias, falsos teitos, caldeiras, etc.) na procura do benestar e confort do alumnado.

O Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Román Rodríguez visitou as instalacións acompañado do delegado provincial César Pérez, o Alcalde de Cangas Xosé M. Pazos e o Concelleiro de Ensino e Deportes Xoán C. Chillón. As melloras levadas a cabo supuxeron unha inversión de 719.273 €.

A categoría enerxética das instalacións mellorou considerablemente, reducindo un 60% as emisións de CO2, e facendo que “con menos consumo haxa unhas condicións mellores”.

Pola súa banda, na reforma do pavillón do IES María Soliño investíronse 394.756 €, un pavillón do cal se beneficia tanto a comunidade educativa como a propia veciñanza, que pode empregar as instalacións fóra do horario lectivo.

Desde a Consellería destacan a “boa praxe de colaboración entre Xunta e Concello” que permite que todos estes traballos se leven a cabo na nosa Vila co esforzo de ambas institucións.

O Alcalde, Xosé M. Pazos, e o Concelleiro de Ensino e Deporte, Xoán C. Chillón, aproveitaron a visita do conselleiro e do delegado para recordarlles algunhas das necesidades actuais, como a mellora do Pavillón de Coiro ou a reforma integral do CEIP Espiñeira en Aldán, un dos centros máis antigos. Por agora, non hai nada en firme xa que na Consellería están en fase de peche dos investimentos do 2016 e coa planificación dos proxectos do 2017.