Ir o contido principal

Entrada en vigor do novo rueiro e a nova numeración no Concello de Cangas

FacebookTwitterShare
Entrada en vigor do novo rueiro e a nova numeración no Concello de Cangas

Foron numerosos os problemas coa correspondencia que durante anos sufriron os veciños e veciñas da periferia canguesa (retrasos na entrega, direccións incorrectas pola falta de sinalización en rúas e camiños, etc.). Con esta problemática sobre a mesa levouse a cabo unha dura labor desde o Departamento de Estatística do Concello para definir o actual rueiro.

Logo de rematar os traballos de colocación de placas cos nomes das rúas e a correspondente numeración na parroquia do Hío (nos lugares de Nerga, Donón, Pinténs e Vilanova), infórmase á veciñanza da entrada en vigor da actualización do rueiro coa nova numeración.

Todos os veciños e veciñas afectados por este cambio recibirán nos próximos días un volante-xustificante colectivo do padrón, figurando todas as persoas empadroadas nesa vivenda.

Se algún veciño/a empadroado/a non recibe a presente comunicación co correspondente cambio de nome e de numeración ou detecta algún erro no mesmo, deberá poñerse en contacto co departamento de Estatística do Concello (oficina do padrón) para resolver e corrixir as posibles incidencias.

A partir da recepción da notificación será imprescindible comunicar a nova numeración ás empresas de subministración (luz, auga, teléfono, etc.), entidades bancarias, Axencia Tributaria, etc.

Ademais, lembramos aos veciños/as da parroquia de Aldán e do Hío (lugares de Igrexario, Liméns e Vilariño) que deben cambiar o antes posible as comunicacións indicando o enderezo completo coa rúa e o número (por exemplo: Barreira de Donón, Barreira de Vilanova, Barreira de Liméns, etc.). Para os organismos públicos e o Concello (padrón, facenda, etc.) só existe un único enderezo oficial.