Ir o contido principal

Conferencia sobre a música en Galicia no século XVII

FacebookTwitterShare
Conferencia sobre a música en Galicia no século XVII

Os días 8, 9 e 10 de decembro conmemórase en Cangas o 400 aniversario do asalto por parte dos piratas turco-berberiscos á vila de Cangas, e serán varios os actos que neses días nos trasladarán a un ambiente e recreación da vida e costumes das xentes de Cangas no ano 1617. Previo ao evento, e para quentar motores, o xoves día 7 no Salón de Plenos do Concello, convidámosvos a participar nun coloquio con Pablo Carpintero Arias, experto en recuperación de tradicións musicais galegas, para coñecer o tipo de música e instrumentación que existía en Galicia a comezos do século XVII, época na que desembarcaron os turcos en Cangas (1617).

Pablo Carpintero naceu en Castro de Carballedo (Lugo) en 1969. É doutor en ciencias e diploma de estudos avanzados en etnomusicoloxía pola USC onde foi profesor de Bioquímica. Actualmente é membro da Requinta de Xián e de Novo Aires da Terra. Dedícase á investigación sobre os instrumentos musicais tradicionais galegos dende hai máis de 25 anos, actividade pola que recibiu os premios Antón Losada Diéguez da Deputación de Ourense e Marques de Lozoya do Ministerio de Cultura. Actualmente dedícase á fabricación de instrumentos tradicionais galegos e á reprodución de instrumentos antigos, actividade pola que en 2016 recibiu o premio de artesanía Antón Fraguas da Deputación da Coruña.

Colabora na presentación e organización desta conferencia a Asociación Peis d´hos, non vola podedes perder!