Ir o contido principal

Clausura das escolas de pais e nais

FacebookTwitterShare
Clausura das escolas de pais e nais

A clausura das escolas de pais e nais terá lugar mañá venres 2 de xuño ás 20:00 horas na Casa da Cultura e ao acto de entrega de diplomas ás diferentes persoas participantes asistirá o Concelleiro de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade Tomás Hermelo.

A escola de pais e nais é unha actividade quincenal que se desenvolve nos centros de ensino na que se tratan temas psicolóxicos, pedagóxicos e sociais que teñen que ver coa formación dos fillos e fillas como persoas. Temas como a comunicación e o benestar da familia, as habilidades sociais, o manexo emocional, a educación para a saúde ou a autoestima, se abordan nas clases dunha maneira amena, sinxela, participativa e aberta.

Non é unha reunión de persoas expertas, senón de pais e nais que se xuntan nun espazo de reflexión onde se pode falar, onde te escoitan e onde podes aprender e aportar algo. O clima que se crea e de gran confianza, xa que as persoas que asisten teñen intereses semellantes respecto á crianza de fillos e fillas: que sexan responsables, que respecten ás outras persoas, que teñan habilidades para enfrontarse aos problemas, que estean ben, etc. A educación é a mellor estratexia para acadar esta meta.

A ninguén lle ensinaron a ser pai ou nai pero lembremos que somos modelos a imitar. Influír dun xeito positivo nos fillos e fillas fará que poidamos axudalos na súa andaina pola vida. Nestas escolas pasámolo ben aprendendo para que pais e nais gocen educando.

Para facilitar a asistencia de pais e nais a estas escolas contamos con un equipo de monitor e monitora que coidan e xogan cos fillos e fillas mentres os proxenitores están reunidos .

Esta actividade é totalmente gratuíta.

Centros onde se impartiron as escolas:

  • Martes ás 16:30 horas no CEIP A Rúa e no CEIP Espiñeira, Aldán.
  • Martes ás 19:00 horas no IES Rodeira (para pais e nais con fillos e fillas escolarizadas en ESO ou Bacharelatos en calquera instituto).
  • Mércores ás 17:00 horas no CEIP San Roque e na E.I. Choupana.
  • Xoves ás 15:30 horas no Colexio Eduardo Pondal.  
  • Xoves ás 17:00 horas no CEIP O Hío.
  • Xoves ás 17:15 horas no CEIP Castrillón, Coiro.

Para calquera información, contactar con Alberto Casqueiro Iglesias, técnico responsable da actividade, no teléfono 986 303 402 ou na UAD, Avda. Ourense, 46.