Ir o contido principal

Celebración Día do Autismo

FacebookTwitterShare
 Celebración Día do Autismo

Este luns, día 2 de abril, conmemourse o Día Mundial do Autismo, data que o Morrazo non pasou por alto. De feito, todos os Concellos da comarca uníronse para organizar diversos actos ao longo desta semana. De feito, o concelleiro de Ensino, Xoán C. Chillón, e a homónima de Bueu, Teresa López, percorreron os diferentes establecementos adheridos a Fecimo para pegar símbolos pictográficos identificativos do Autismo, baseándose nun traballo realizado polo alumnado do colexio da Sagrada Familia de Cangas, coas profesoras María González e Cristina García a cargo, quen tamén estiveron presentes. 

O proxecto denomínase Sinalética Morrazo, unha iniciativa a prol da diversidade que aposta pola eliminación de barreiras. A segunda parte constará na publicación e difusión dun álbum ilustrado que xirará en torno da diversidade e que estará adaptado á linguaxe pictográfica. Co mesmo búscase o recoñecemento positivo da diversidade, contribuíndo ao cambio educativo e social. Foi posible grazas á implicación, apoio e esforzo conxunto dos concellos de Cangas, Bueu e Moaña, así como da Federación de Comerciantes Fecimo e do portal aragonés ARASAAC, facendo deste proxecto unha iniciativa pioneira onde o comercio privado, as administracións públicas e a comunidade educativa camiñan da man.

Desta maneira apóstase pola eliminación de barreira cognitivas, buscando que exista unha auténtica inclusión social, onde a contorna se adapte ás persoas e onde a diversidade signifique riqueza. O resultado deste traballo tradúcese en máis de 80 modelos diferentes de pegatinas repartidas en organismos públicos como entidades privadas da comarca do Morrazo que pretenden transmitir unha información visual coherente e sinxela que axuda e permita unha mellor interacción co medio. Estes símbolos son propiedade do Goberno de Aragón e foron creados por Sergio Palao para ARASAAC.

O venres seis levarase a lectura dun manifesto no primeiro recreo dos centros educativos pertencentes aos municipios anteriormente mencionados. Ademais, ás 18:00 horas, o Salón de Plenos do Concello de Cangas albergará a charla coloquio Achegándonos ao Tea - Trastorno Espectro Autista, a cargo de Yolanda Heras, directora do Centro de Educación BATA.

Para rematar, o sábado, día sete de abril, os Concellos de Bueu, Moaña e Cangas uniranse ao movemento Light It Up Blue, unha campaña de sensibilización internacional pola que miles de edificios e monumentos se iluminación de azul en apoio e solidariedade co colectivo de persoas con Trastorno do Espectro do Autismo e as súas familias.