Ir o contido principal

CANGAS CON ORGULLO POLO DÍA INTERNACIONAL DO ORGULLO LGTBIQ+

FacebookTwitterShare
Cangas con Orgullo

O Concello de Cangas promove o programa Cangas con Orgullo, unha iniciativa organizada con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ co obxectivo de visibilizar a diversidade afectivo-sexual e de xénero, fomentar a igualdade e crear espazos de encontro, diálogo e reflexión arredor dos dereitos das persoas LGTBIQ+.

A programación desenvolverase o domingo 28 de xuño na Alameda Vella, cunha xornada aberta á cidadanía que combinará actos institucionais, participación social e actividades de convivencia. A partir das 12:00 horas terá lugar a concentración e lectura do manifesto institucional, coa intervención das autoridades municipais. Ás 12:30 horas celebrarase a mesa redonda “Cangas con Orgullo: diversidade, memoria e futuro”, un encontro participativo no que diferentes persoas compartirán experiencias e reflexións sobre a diversidade, a educación, a conquista de dereitos e os retos actuais.

A programación da mañá rematará ás 13:15 horas cunha sesión vermú con DJ, concibida como un espazo de convivencia e celebración aberto á cidadanía.

Ademais, co obxectivo de ampliar a programación do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, o Concello difundirá entre a cidadanía as actividades culturais vinculadas á diversidade, identidade e disidencia sexual e de xénero programadas para esa mesma xornada dentro da 43ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Ás 20:00 horas, en O Adro Taberna Cultural, terá lugar a actividade recomendada “Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos”, da compañía VACAburra. Ás 22:00 horas, representarase o espectáculo “Cariño malo”, incluído tamén na programación da MITCFC.

Con esta proposta, o Concello de Cangas reafirma o seu compromiso coa igualdade, o respecto, a non discriminación e a construción dunha sociedade máis inclusiva, diversa e respectuosa cos dereitos humanos.