Balance da estatística das actuacións levadas a cabo polo Grupo de Emerxencias e por Protección Civil
O Alcalde do Concello, Xosé Manuel Pazos, a concelleira de Turismo e Medio Ambiente, Tania Castro, e o xefe da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, Cesáreo Coya, facilitaron no día de hoxe a estatística de actuacións levadas a cabo no ano 2017 polo Grupo de Emerxencias e de Protección Civil.
O dato global comprende 854 intervencións por parte deste servizo, dentro das cales se inclúen accidentes na estrada, incidencias na circulación, animais soltos e/ou feridos, salvamento e rescate, vertidos, avisos de velutina, incendios ou asistencias sanitarias, entre moitos outros. Esta cifra supón un descenso de 35 actuacións sobre o ano 2016.
A baixada máis importante produciuse no número de incendios. En lumes forestais pasouse de 75 a 25, algo moi significativo pero que “non quere dicir que as cousas estean mellor, posto que o monte continúa nunha situación moi perigosa”. Os accidentes de estrada sen feridos aumentaron de 61 a 69 e con feridos de 60 a 66. Por outra banda, disparáronse a 125 as intervencións por incidencias na circulación que se fan nas estradas municipais, así como nas pertencentes a outras administracións. Tamén houbo un menor número no tocante a accións de servizos preventivos, que son os que se solicitan para as probas deportivas ou para os actos culturais. En concreto, pasouse de 179 a 108. Outro dato destacable son as cantidades relacionadas coas asistencias sanitarias: no ano 2016 interveuse en 25 casos e no 2017 en 43.
Durante a tempada pasada houbo algunhas accións que foron moi mediáticas, entre elas o afundimento da planeadora na entrada do dique, o rescate laborioso a unha persoa que sufriu unha caída dentro dun barco, a atención a dous veciños que padeceron as picaduras dunhas avespas, etc.
En xeral, son uns datos elevados e na gran maioría das actuacións conseguiuse unha solución eficaz e eficiente. Convén resaltar que quedou implantada a Rede de Comunicacións Dixitais tanto na Policía Local como de Protección Civil.
O obxectivo deste ano sitúase en cambiar o camión pequeno. Ademais, nos vindeiros días farase a toma de posesión dunha embarcación necesaria para algúns servizos tales como o salvamento, as procesións ou probas deportivas marítimas.
No acto, o Alcalde quixo facer fincapé na “noite tráxica dos incendios” ocorrida no mes de outubro do ano pasado e que afectou o sur da provincia de Pontevedra: “Cangas foi un dos poucos sitios que se librou. Aquí houbo un incendio e producíronse máis avisos de incendios que por sorte non foron reais. Isto foi así pola actuación rápida e contundente do Grupo de Emerxencias. Nós ese día non contábamos con bombeiros, posto que estaban desprazados noutro lugar cumprindo coas súas obrigas. Se non chegamos a ter este servizo, poderíamos estar falando dunha situación moi distinta. Polo tanto, agradecerlles o traballo impecable que fixeron para que o lume quedara reducido nunha pequena superficie da parroquia de Aldán”.
A concelleira Tania Castro aproveitou a ocasión para agradecer a colaboración diaria do Servizo de Emerxencias na protección e prevención do medio ambiente, sobre todo no referente aos incendios forestais.
“A veciñanza asumiu que ten ter limpas as súas fincas, algo que hai que resaltar, pero a partir de maio entra en vigor a nova lexislación que existe en materia de medio ambiente polo que solicitamos un segundo esforzo para manter limpas as leiras que están cerca das vivendas e que son as máis perigosas”.
Sumado a todo isto, quixo destacar que os avisos de velutina sufriron un aumento. Ante esta situación, en febreiro comezarase a trampear as árbores para que os niños aparezan nunha menor medida.
- Log in to post comments



