Ir o contido principal

Arela busca persoas e/ou familias dispostas a convivir con adolescentes que están a cumprir unha medida xudicial

FacebookTwitterShare
Arela busca persoas e/ou familias dispostas a convivir con adolescentes que están a cumprir unha medida xudicial

O pasado luns o concelleiro de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Tomás Hermelo, e o concelleiro de Mocidade e Voluntariado, Andrés García Bastón, reuníronse cos representantes da asociación Arela Julio Barreiro e Eva Piñeiro para presentar o programa CONVIVE.COMigo.

A Xunta de Galicia e a citada formación están levando a cabo este programa nas provincias de Pontevedra e A Coruña coa finalidade de conseguir persoas ou familias que queiran convivir cunha persoa adolescente que teña a obriga de cumprir unha medida xudicial. Por iso, durante este ano, buscase o apoio nas administracións locais para lograr a difusión do proxecto, algo ao que se suma o Concello de Cangas.

A través desta iniciativa procúranse núcleos familiares e individuos cunha alta sensibilidade cara a adolescencia e que queiran facer unha aposta temporal por un mozo ou moza con dificultades. A través dun ambiente socializador e positivo permitiráselle a esta mocidade a posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e, polo tanto, que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez que regresen a vivir coa súa familia de orixe.

Os requisitos para formar parte deste programa son os seguintes:  ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade, non buscar a satisfacción dun desexo de paternidade... Á súa vez, valorase positivamente a formación relacionada con ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar, ter unha predisposición a ser formada en diferentes temáticas como adolescencia, formación de carácter xurídico.

ARELA ofrece unha formación grupal e individual, e asesoramento, con acompañamento de profesionais e un financiamento de 40 euros diarios durante os meses que permaneza o/a adolescente coa familia ou persoa.

Dende a páxina web de ARELA (http://www.arela.org/) pódese consultar toda a información sobre este programa, así como dende o seu teléfono da súa sede central, 986 21 25 37 ou a través do correo electrónico convive@arela.org.

Descargas