O Programa de Garantía Xuvenil en Galicia enmárcase dentro da Estratexia de Emprendemento e Emprego Xove que ten como obxectivo articular unha resposta á situación laboral na que se atopan a maioría da mocidade en Galicia.
Obxectivo
A garantía xuvenil ten como obxectivo que os/as mozos/as de entre 16 e 29 anos que non estean cursando estudos, formación ocupacional ou non teñan emprego, poidan recibir unha oferta de emprego, educación ou formación tras rematar os seus estudos ou quedar desempregados/as.
Medidas
Están divididas en catro eixos:
- Mellora da intermediación.
- Mellora da empregabilidade.
- Estímulos á contratación.
- Fomento do emprendemento.
Requisitos das persoas solicitantes
- Ter nacionalidade española ou ser cidadán da Unión Europea.
- Tamén poden inscribirse os estranxeiros titulares dunha autorización para residir en territorio español que habilite para traballar.
- Estar empadroado/a en calquera localidade do territorio nacional español.
- Ter máis de 16 anos e menos de 25 anos, ou menos de 30 anos no caso de persoas cun grado de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, no momento de solicitar a inscrición no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, ou ter máis de 25 e menos de 30 anos cando, no momento de solicitar a inscrición no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, a taxa de desemprego deste colectivo sexa igual ou superior ao 20%, segundo a enquisa de poboación activa correspondente ao derradeiro trimestre do ano.
- Non ter traballado no día natural anterior á data de presentación da solicitude.
- Non ter recibido accións educativas no día natural anterior á data de presentación da solicitude.
- Non ter recibido accións formativas no día natural anterior á data de presentación da solicitude.
- Presentar unha declaración expresa de ter interese en participar no Sistema de Garantía Xuvenil.
Inscricións
As persoas mozas que desexen obter axuda e inscribirse no Sistema de Garantía Xuvenil poden acudir á Casa da Xuventude de Cangas (R/Real 29) onde se lles vai informar sobre diferentes aspectos da Garantía Xuvenil e axudar a cumprimentar a solicitude de inscrición.