Ir o contido principal

Bolsas e axudas

Unha bolsa é “unha axuda financeira temporal que se concede a unha persoa para que curse, termine ou complete uns estudos”, é dicir para que adquira ou amplíe os seus coñecementos. A persoa destinataria é sempre unha persoa concreta.
 
Son moitas as entidades públicas e privadas que durante o curso académico ou durante o verán ofrecen recursos económicos para aquelas persoas que queren continuar estudando, realizar prácticas, proxectos de investigación ou simplemente aprender un idioma noutro país. Ministerios, deputacións, empresas, fundacións, bancos, etc., poñen á vosa disposición un amplo abanico de bolsas e axudas sobre todo tipo de temas e especialidades.
 
Moitas veces resulta practicamente imposible estar ao día de todas as convocatorias que se suceden durante o curso e daquelas que poden axustarse a determinados intereses ou expectativas profesionais. Aspectos como quen as convoca, que gastos cobren ou cal é a súa duración, son importantes a ter en conta para escoller o tipo de bolsa ou axuda que máis convén.

Tipoloxías de bolsas

Bolsas de carácter xeral:

Son aquelas que inclúen axudas para transporte, mobilidade, residencia, material didáctico, libros, ou para alumnado con renda familiar máis baixa, convocadas por exemplo polo Ministerio de Educación e Cultura, como as bolsas Séneca ou Sócrates, ou polas Consellerías de Educación das distintas comunidades autónomas.

Bolsas e axudas ao estudo de carácter específico:

Son aquelas que ofrecen recursos económicos para seguir estudando, tanto en España como no estranxeiro, facer un curso ou unha especialidade concreta, ou incluso empezar novas titulacións. Existen distintos tipos segundo o nivel de estudos que se queira conseguir:

  • Para estudos universitarios. Ofrecidas por tódalas universidades públicas e privadas de España, o Ministerio de Educación e Cultura e outras fundacións e organismos oficiais.
  • Para estudos de Formación Profesional. Ofrecidas polo Ministerio de Educación e Cultura e as Consellerías de Educación.
  • Para persoas tituladas universitarias interesadas en profundar sobre temas concretos mediante un curso de máster ou posgrao. Bolsas ofrecidas pola Fundación Mapfre, as bolsas Fulbright, a Fundación Pedro Barrié ou a Fundación Víctor Grífols, entre outras entidades, universidades ou organismos oficiais.
  • Para estudos de doutoramentos e teses doutorai Fundación Ramón Areces entre outras entidades.
  • Para estudar idiomas aquí ou no estranxeiro, mediante cursos, anos académicos, estancias, etc. ofrecidas polo Ministerio de Educación, o Ministerio de Asuntos Exteriores, a Axencia Española de Cooperación Internacional ou fundacións privadas como Repsol.
  • Para educación especial, coa finalidade de axudar a familias de estudantes con necesidades educativas especiais. Convocadas polas distintas comunidades autónomas, concellos e ministerios.

Bolsas e axudas para a investigación:

De interese para aquelas persoas que desexan investigar aquí ou no estranxeiro ou dirixir a súa formación postdoutoral cara o mundo do traballo. Este tipo de axudas poden ofrecelas universidades con programas de intercambio con outras universidades estranxeiras, ou por exemplo a Comisión Europea como nas bolsas Marie Curie, a Fundació Max Aub, a Fundación Alexander von Humboldt, ou outros organismos como o CIMO (Centre for International Mobility).

Bolsas para realizar prácticas:

Ofrecen a posibilidade de poñer en práctica os contidos aprendidos na universidade ou centros de formación profesional e achegar ao alumnado ao seu primeiro posto de traballo. Ofrecen este tipo de axudas empresas como por exemplo Telefónica, entidades privadas, concellos ou fundacións como a Fundación Universidade-Empresa.

Bolsas e axudas para proxectos:

Ofrecen a estudantes e profesionais a posibilidade de incorporarse a proxectos concretos de investigación ou de estudo. Son convocadas por numerosa entidades e empresas como Hewlett Packard, a Fundación Severo Ochoa ou o INJUVE para estudantes de música e compositores.

Bolsas de colaboración:

Posibilitan ao alumnado universitario traballar en distintas tarefas dentro da mesma Universidade mentres seguen estudando. Por exemplo, as convocadas pola Universidade de Vigo para facer tarefas de coordinador/a deportivo/a ou organizador/a de torneos, ou a Universidade das Illas Baleares para facer de intérprete de linguaxe de signos.

Bolsas e axudas para o profesorado:

Son basicamente aquelas que facilitan a mobilidade de profesorado a outros países para continuar exercendo noutro país ou noutra comunidade autónoma, como por exemplo as que ofrece o Ministerio de Educación para profesorado universitario ou as que convoca a Deputación de Aragón.

Bolsas de viaxe:

Axudas económicas para gastos de transporte e viaxe para estudantes, persoas bolseiras, persoal investigador, etc., que deben trasladarse a outro país, como as que ofrece a Embaixada de Alemaña.

Como e onde buscar a información

Senón se dispón de conexión a internet, un primeiro paso é visitar un CENTRO DE INFORMACIÓN XUVENIL onde seguro que atoparedes un compañeiro/a que vos botará unha man para atopar a información que vos interesa.

Podemos empregar Internet para buscar todo tipo de información sobre bolsas e axudas ao estudo, así como consultar a páxina do Ministerio de Educación e ciencia.

Que facer para conseguir unha bolsa?

Unha bolsa pode ser unha solución para completar a vosa formación académica e resolver as vosas inquietudes profesionais. As bolsas ofrecen todo tipo de facilidades para realizar calquera actividade: finalizar estudos, cursos de posgrao, prácticas, cursos de verán, proxectos de investigación ou artísticos, é dicir, outorgar unha preparación para exercer con máis garantías a vosa profesión.

A cuestión é onde atopar a información, decidir cales son aquelas convocatorias ás cales podedes presentarvos e, finalmente preparar correctamente a documentación que teredes que presentar.

Hai moitas convocatorias para a provisión de bolsas, ofrecidas para calquera nivel de estudos, para realizar cursos de verán, para saír ao estranxeiro a realizar unha ampliación de estudos ou unha investigación, para estudar o idioma dun país, para traballar de lector ou auxiliar de conversación, para participar nun programa de intercambio, para realizar prácticas de traballo no estranxeiro, etc.

Que piden?

Dependendo da bolsa á que te queiras presentar os requisitos para solicitala son moi diversos, algúns deles poden ser:

  • Ser estudante.
  • Ser titulado/a medio/a ou superior, cunha especialidade concreta ou non.
  • Ter un bo expediente académico.
  • Ter experiencia ou exercer actividades relacionadas.
  • Coñecementos da materia.
  • Ser admitido/a previamente no centro e/ou universidade desexada.
  • Non estar realizando ningún traballo remunerado.
  • Dominio do idioma do país onde se queren realizar os estudos.
  • Ser admitido/a nun departamento da universidade para a realización da tese.
  • Realizar cursos de especialización e experiencia investigadora.
  • Non ter outra bolsa para o mesmo proxecto / curso / etc.

 

Como solicitar unha bolsa?

Todas as convocatorias de concursos para a provisión de bolsas esixen encher un formulario, imprescindible para a solicitude. Hai que ter presente que normalmente as entidades solicitan unha determinada documentación que podemos ter preparada con anterioridade: instancia de solicitude, fotocopia do DNI ou cartón de residencia, fotocopia compulsada do título universitario ou resgardo acreditativo de estar en posesión do título, certificación académica persoal, cartas de recomendación asinadas por profesor/a, currículo, méritos documentados, memoria do traballo de investigación a realizar, declaración xurada de non incorrer en incompatibilidades, etc. Non enviar nunca documentos orixinais, sempre copias compulsadas e xustificar todos os datos e méritos.

Ler detidamente a convocatoria para saber que puntos son os máis importantes, como o número de bolsas, o importe, a forma de pago, os requisitos das persoas candidatas, prazo e lugar de presentación, o proceso de selección das persoas candidatas, as obrigacións das persoas bolseiras, a renuncia e as súas consecuencias, os recursos ou as reclamacións, o tipo de seguridade social, as retencións de IRPF, a exención da declaración do importe ou dos beneficios á Facenda Pública.

 

Consellos prácticos

Antes de solicitar unha bolsa, hai que facerse estas preguntas: que quero facer?, onde quero ir?, que idioma domino?

  • Informarse das convocatorias, tanto as que están vixentes como as que non, será moi útil recoller a información sobre os prazos das convocatorias de anos anteriores para tomalos como referencia orientadora no momento de preparar a solicitude.
  • Se se solicita a bolsa para un proxecto de investigación, mellor se este é innovador.
  • Estudar con atención as solicitudes, as bases e os impresos, o proceso de selección, as obrigas da persoa bolseira, etc. Moitas veces por un erro denégase unha solicitude.
  • Para resolver dúbidas, solicitar axuda ao profesorado e a outros compañeiros/as que soliciten bolsas, e tamén ás persoas que dan este tipo de información nos centros de información á xuventude.
  • Se a intención é saír ao estranxeiro, é moi importante ter con antelación a admisión do centro de destino. Ademais, serán necesarios os niveis adecuados do idioma, aínda que non é imprescindible telos. Informarse na universidade de destino se son precisos para pedir a praza. Para saber máis sobre os exames, poderedes dirixirvos aos institutos de cultura dos respectivos países.
  • Moitas das universidades estranxeiras teñen escolas de idiomas nas mesmas facultades. Se non se conta co nivel requirido podedes pedir información dos cursos de idiomas (todo o ano).