Ir o contido principal

Semana Santa

A Semana Santa de Cangas constitúe unha celebración de solemne renome en toda a provincia, sendo unha das máis importantes de toda a comunidade.

Da súa antigüidade, habería que dicir que é unha celebración historicamente consolidada na nosa vila, de gran arraigamento popular e carácter participativo, datando a Confraría da Virxe dos Dolores e da Soidade, a do Stmo. Cristo do Consolo e a da Misericordia do século XVIII.

A vistosidade das súas procesións, o recollemento dos fieis e as artísticas imaxes, fan da nosa Semana Santa unha manifestación do vivir dunha vila mariñeira que ao longo da súa historia foi enriquecendo unha maneira de sentir a súa devoción relixiosa, con sensibilidade e bo gusto.

Semana Santa

Venres de Paixón

É o comezo da Semana Santa en Cangas, de gran arraigo na vila ata o punto de considerarse festivo local. Comeza cunha misa maior e culminan os actos litúrxicos cunha magna procesión da Virxe, nun artístico trono baixo palio.

Domingo de Ramos

Día no que a xente da vila congrégase nos Xardíns de Félix Soage, para recibir a bendición das palmas e dende onde, posteriormente, parte a procesión cara ao templo, coa imaxe de Xesús montado na borriquiña, figura que goza de gran cariño entre os fieis, sobre de todo entre os de menor idade.

Mércores Santo

Este día sae dende o templo a «Procesión de la Soidade de María», coa imaxe da Soidade acompañada por mulleres da vila e tambores confrades, nun percorrido pola zona vella,realizando unha parada na Praza do Sinal, onde ten lugar unha ofrenda á Virxe.

Xoves Santo

Pola tarde, presidida pola valiosísima cruz procesional de prata e ouro, sae a «Procesión da Santa Cena», na que destacan pasos como o da «Santa Cena»,obra do célebre Ignacio Cerviño;«La Oración del Huerto» ou «La Flagelación», fermoso conxunto de tres imaxes. Pechando a procesión, o trono da Virxe dos Dores baixo palio.

Nazareno

Venres Santo

O día cume da Semana Santa comeza coa procesión matutina coñecida como «La Negación de San Pedro». O máis notábel desta procesión é que busca comprometer á xuventude coa Semana Santa, e así a imaxe de San Pedro vai acompañada, principalmente, por xente nova e tambores confrades.

Posteriormente a «Procesión del Santo Encuentro», integra varios pasos que simulan o Calvario de Cristo. As imaxes articuladas de San Juan, La Verónica, xunto coas tres Marías e a Santísima Virxe das Dores, van aparecendo das diferentes rúas da zona vella para atoparse na praza da Constitución co paso do Nazareno, que vai acompañado do Cirineo e de saións romanos, ao tempo que o predicador vai relatando os pasaxes históricos xunto coas tres caídas representadas pola imaxe do Nazareno.

Pola tarde, xa no templo, ten lugar o «Descendimiento», no que a impresionante imaxe articulada do Cristo é «descravada» e depositada nunha furna de cristal aos pes da Virxe das Dores, a quen acompaña San Xoán. O acto convértese nunha escena de emotivo realismo. Pola noite, celébrase a procesión do «Santo Entierro». As imaxes de San Xoán, as Piadosas Mulleres, o impresionante Xesús Crucificado, o paso da Piedade, a furna co Cristo Xacente e o fermoso trono da Virxe da Soidade pechan esta procesión.

O punto e final ao Venres Santo pono a «Procesión do Silencio», sempre celebrada ás doce da noite deste solemne día, na que o Cristo do Consolo é acompañado en completa devoción e silencio, levando como única iluminación as candeas dos fieis e das imaxes. Soamente van os tambores marcando o paso e as pretas filas de confrades, vestidos cos seus anónimos uniformes, neste caso coa peculiaridade de levar o capirote caído.

Sábado de Gloria

O Sábado Santo é o día da Sepultura de Xesús, o día de espera litúrxica e silenciosa xunto ao sepulcro. O templo parroquial prepárase para o velorio co altar espido e as luces apagadas. As imaxes da Santísima Virxe das Dores, xunto con San Xoán, María Magdalena, Verónica e as Piadosas Mulleres velan a Xesús. Respírase un ambiente de fervorosa espera chea de paz e cargada de esperanza.

 

Domingo de Pascua

O domingo de Pascua é un día de ledicia entre os fieis,pola celebración da resurrección de Cristo, que se escenifica en Cangas coa «Procesión de Cristo Resucitado». Esta trata de ser unha representación máis fiel do texto que narran os evanxeos e parte da Casa das Novenas en lugar da excolexiata como o resto de imaxes, para, tras o seu percorrido polo pobo, finalizar no mesmo punto, con tirada de bombas e solta de pombas.

 

Cofradías

Cofradías

Irmandade da Virxe das Dores e da Soidade

A Venerable Irmandade da Stma. Virxe das Dores foi fundada no ano 1748, a instancias do prior da Colexiata de Cangas, Don Ramón Tabarés Saavedra, que encomenda ao R.P. Juan de Cenzano, da Compañía de Xesús do Colexio de Pontevedra, a súa constitución.

Esta confraría, chamada tamén da «Boa Morte», absorbe no seu día á xa existente «da Soidade», con todos os seus bens e caudais, e goza de indulxencias plenarias dadas por los papas Clemente XI, Inocencio XI e Benedictino XIII. Na actualidade, a Irmandade da Virxe das Dores e da Soidade, conta con máis de dous mil irmáns e constitúe a súa festividade, o Venres de Paixón, un dos maiores acontecementos litúrxicos da parroquia.

A súa imaxe titular, a Virxe das Dores, é unha fermosa talla das chamadas de «vestir» e data de 1805. Cando foi e Desamortización de Álvarez Mendizábal, as rendas desta congregación, foron destinadas ao sostemento da única escola de nenos que tiña a vila e a imaxe foi aloxada no Salón de Sesións do Concello ata o ano 1919, no que foi gardada nunha casa particular, dende onde en piadosa rogativa, é levada tódolos anos ao templo para a celebración do solemne Setenario na súa honra. Tamén é propiedade desta confraría, a Virxe da Soidade, imaxe de grande fermosura que data do século XVII e o precioso Cristo de Minerva, marabillosa escultura realizada en madeira de buxo e de autor anónimo.

 

Asociación do Santísimo Cristo do Consolo

Cristo del consueloA invasión de piratas turcos e alxerinos, naquel triste día do 9 de decembro de 1617, en que foi arrasado e queimado o templo parroquial cos seus arquivos e imaxes, a excepción do Cristo «que non quixo arder», deixáronnos sen datos suficientes sobre a antigüidade desta confraría, que se cree é moi anterior a súa fundación. Temos algunha referencia do ano 1607, na que se denomina Confraría da Fabricación do Santo Nome de Xesús, posto que a fábrica da igrexa apenas tiña rendas e era esta confraría a que provía todo o necesario.

É o 27 de abril de 1865, despois de cento cincuenta anos de silencio e inactividade, cando se constitúe formalmente a Confraría do Bo Xesús ou Sto. Cristo do Consolo, que perdura ata os anos cincuenta, no que por desavinzas entre a xunta directiva e o entón cura párroco, é disolta. No año 1990 promóvese de novo a constitución da actual asociación.

A súa imaxe titular é o Cristo do Consolo, patrón da vila de Cangas. É unha talla de Xesús crucificado, de magnífica realización e obra do escultor de Santa Cristina de Cobres, Xoán Pintos, no ano 1769. Os cultos na súa honra celebrábanse antigamente no triduo do entroido, pero despois da re-fundación no ano 1865, trasládase a súa festividade ao último domingo de agosto, con misa de exaltación da Cruz, e saíndo en solemne procesión, lucindo un valioso dosel bordado en ouro e pedrería. Na Semana Santa, a impresionante imaxe do Cristo do Consolo, sae tamén o Venres Santo pola noite, pero esta vez sen dosel, resaltando así a figura do Crucificado, nun paso que inspira gran recollemento e admiración.

 

Confraría da Misericordia

Cofradía de la MisericordiaA Confraría da Misericordia foi fundada polo Gremio de Mareantes da vila de Cangas no ano 1709. O seu fin era atender as necesidades espirituais dos traballadores do mar. A imaxe titular desta moi antiga confraría é a de San Xosé, avogado da Boa Morte, e a da súa patroa por excelencia, a Virxe do Carme.

Dado o lóxico arraigamento desta confraría nun pobo mariñeiro como Cangas, a confraría ten no gremio do mar un interesante impulsor. É a finais do século pasado cando, a confraría da Misericordia encarga ao mestre Cerviño, autor do coñecido «Cruceiro do Hío», unha importante labor. Esta foi que, cun equipo de carpinteiros e ebanistas voluntarios, renovasen as imaxes que ata a data saían procesionalmente na Semana Santa. Sería moi extenso describir aquí, a cantidade de episodios e anécdotas que se deron naquel taller-escola improvisado para un so fin, a Semana Santa articulada de Cangas.

Realizáronse as seguinte tallas: «A Mesa dos Apóstoles»; o paso articulado «Das Caídas» ou do Nazareno, co Cireneo e o centurión romano (Xesús cae e se levanta tres veces e ao centurión móvenselle os ollos);«As Marías» e« San Xoán»;«A Verónica» e «A Magdalena». Pero a que máis destaca é a súa obra cume,«O Cristo do Descendemento», articulado tamén e verdadeiro estudio anatómico da figura humana. Todas estas fermosas imaxes, froito do xenio dun autodidacta e do sentir dun pobo, fan que a Confraría da Misericordia, sexa a que ao longo dos anos ten contribuído máis ao realce da nosa Semana Santa.

Agrupación de San Pedro

Foi fundada no 2003 por entusiastas da vila de Cangas que quixeron sacar en procesión a figura de San Pedro, imaxe titular da mesma. Esta imaxe de estilo barroco é unha das máis representativas coas que conta a excolexiata de Santiago de Cangas. Vai acompañada na madrugada do Xoves ao Venres Santo polas rúas da vila. Grupos de xoves, na súa maioría, acompañan con candeas e fachos a imaxe do Santo, que se despraza baixo o son do retumbar dos tambores. Trátase do prólogo do Venres Santo, iniciado coa celebración do Santo Encontro.

Hermandad de Cristo

A máis recente de todas as cofradías está formada por un grupo de amigos que, asesorados polo párroco D. Eduardo Mallo Regueiro, deciden unirse para encher o baleiro existente nas celebracións do domingo de Pascua.

Constitúese o domingo 20 de abril de 2014 e a súa imaxe titular, que se procesa por primeira vez o 8 de abril de 2015, é a do Cristo resucitado, feita polo escultor D. Jorge Luís Villalba Terán. A imaxe representa a Cristo triunfante sobre a morte, nunha actitude de bendición dos fieis coa man dereita, e levando unha cruz na súa man esquerda.