Ir o contido principal

Presentación das actividades que organiza o Concello con motivo do Día Mundial da Diabete

FacebookTwitterShare
Día Mundial da Diabete

O Salón de Plenos do Concello acolleu no día de hoxe a presentación das actividades que organiza a Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade en colaboración coa Asociación de Nenos e Nenas con Diabete de Galicia (Anedia) con motivo do Día Mundial da Diabete, que se celebrará mañá martes día.

Aínda así, os actos centraranse no vindeiro venres. Ese día, realizarase ás 19:00 horas un prendido de luces para que a Casa Consistorial se tiña de azul, unha iniciativa que xa se realizou en diversos municipios da contorna. Ás 20:00 horas terá lugar unha charla sobre “DT1 na atención primaria, que facer cando están enfermos” a cargo da pediatra do Centro de Saúde de Cangas, Marta Peña, e a súa enfermeira Celsa Angueira.

O obxectivo consiste en visibilizar esta enfermidade, os seus efectos e como se debe actuar cando un neno/a a padece. Dolores Dacosta, membro de Anedia, comenta que “actualmente, parte da sociedade e familias afectadas atópanse desinformadas. Queremos que isto cambie. Un lema que empregamos é o de ‘ocio para todos/as’, xa que moitos adolescentes e nenos e nenas atópanse con moitas trabas para entrar nos cines, nos museos… coa súa mochilas. Hailles que deixar levar o seu material e a súa comida. Por outro lado, os pais e nais queremos dispor de toda a información posible para saber como actuar cando ao noso fillo ou filla lle da, por exemplo, unha hipoglicemia”.   

Ademais, nenos e nenas do CEIP A Rúa poderán gozar dun contacontos: “Contos en azul”. Esta actividade estará dirixida aos compañeiros dun alumno que sofre Diabete de Tipo 1, trátase dunha acción encamiñada a explicarlles en que consiste esta enfermidade. “Queremos que os compañeiros saiban o que lle pasa a este rapaz e que teñan coñecementos de saber como actuar por se pasa algo. Tamén é importante que os centros educativos dispoñan desta información e que permitan que os rapaces ou rapazas afectados poidan tomar a súa galleta ou beber o seu zumo no medio da clase”.

O concelleiro de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Tomás Hermelo, quixo lanzar unha mensaxe a todas as familias afectadas: “que non se sintan soas. Antigamente era moi común ocultar as enfermidades. Por saúde e por seguridade é necesario da comunicación, comunicación cos centros educativos e con Anedia, nesta asociación poden preguntar, informarse e asesorarse”.

Anedia é unha formación recente que actualmente está en trámites para rexistrarse no Concello.