Ir o contido principal

Clausura do taller para persoas con diversidade funcional

FacebookTwitterShare
Clausura do taller para persoas con diversidade funcional

Na xornada de hoxe deuse remate ao taller para persoas con Diversidade Funcional, no que están integrados membros da Asociación Juan XXIII e de Aspamsim. Como clausura e, seguindo a temática do obradoiro, todos os membros dirixíronse cara a praia de Rodeira para facer un acto simbólico, creativo e artístico para concienciar á poboación sobre o necesaria que é a limpeza nas praias.

Recrearon a súa historia nun mundo lonxano; todos eles eran príncipes e princesas que chegaban á Terra, un lugar que consideraban fermoso, pero o cal estaba deslucido polo lixo que nel había. Como protesta, acercáronse ata a beira da praia facendo un ritual, bailaron cara o mar para despois, ler un discurso co obxectivo de lograr que a sociedade contribúa a que as nosas contornas e, en concreto as nosas praias, estean sempre libres de todo tipo de refugallos.

O ambiente foi espectacular: música, carteis reivindicativos levados a cabo por eles mesmos, indumentarias creativas, alegres e coloridas. Algo que provocou que veciños da nosa vila se uniran a esta iniciativa.

Actividades

Convén lembrar que as actividades que se levaron a cabo neste obradoiro foron diversas e variadas, pero todas centradas, como se mencionou anteriormente, no mundo das praias. Os integrantes crearon carteis que se colocaron na praia de Rodeira coas seguintes mensaxes: “Respecto ao medio ambiente”, “O lixo tense que tirar na papeleira”, “Descabichar a beach” ou “Mima a praia”, entre outras.

Cada membro do taller tamén se encargou de debuxar a súa propia ola, de crear a súa propia praia, etc. Todas as actividades están encamiñadas a fomentar a creatividade, sacar o mellor e máis artístico de cada persoa. “Nos talleres aprendemos moito de cada un, descubrimos cousas novas, axudámonos e pasámolo ben”.