Ir o contido principal

Cangas móvese pola ELA

FacebookTwitterShare
Cangas móvese pola ELA

O mércores 21 de xuño é o Día Mundial da ELA (Esclerose Lateral Amiotrófica) e a Asociación Agaela (Asociación Galega de Afectados da Esclerose Lateral Amiotrófica) organiza un evento solidario e deportivo no Concello de Cangas. Un evento que xa é todo un clásico na nosa vila e que serve para dar divulgación e difusión a unha enfermidade da que moi pouco se sabe.

Trátase dunha iniciativa “social, solidaria e deportiva” especialmente vinculada á praia de Rodeira, cuxa cita será o domingo 18 de xuño ás 10:00 horas na Casa da Cultura.  

Este ano a inscrición terá un custo de 2€ e espérase unha maior afluencia para tinguir de cor e esperanza as rúas de Cangas. Haberá a disposición das persoas asistentes unhas camisetas solidarias a un prezo de 5 euros, e todo o que se recade irá integramente destinado á investigación da enfermidade e aos propios enfermos.

O evento divídese en tres actividades:

  • 10:00 horas. ANDAR: Casa da Cultura - Volta Gasolineira - Punta de Rodeira - Casa da Cultura.
  • 10:00 horas. CORRER: Casa da Cultura - Areamilla - Punta de Rodeira - Casa da Cultura.
  • 12:00 horas. NADAR: Pantalán da 7ª Lista ata a Praia de Rodeira (zona Casa da Cultura).

Nesta ocasión contarán coa participación na proba de natación de Jaime Caballero, membro do proxecto “Siempre Adelante”, que a través dos seus máis que coñecidos retos de natación conseguiu dar visibilidade a enfermidade, dedicando todos os fondos recadados para a investigación e para a compra de dispositivos para o manexo do ordenador coa mirada.

Son múltiples os grupos e asociacións que colaboran conxuntamente para que este evento se realice: a Concellaría de Deportes, a Oficina Municipal de Voluntariado, o Club de Atletismo Vila de Cangas, o Club de Atletismo do Morrazo, o Real Club Náutico Rodeira, a Peña Ciclista Bike ou non Vai, ASPOM (Asociación de Socorristas Profesionais do Morrazo), a Asociación 7ª Lista (A Borneira) e a Deputación de Pontevedra.

Desde o Náutico Rodeira poñen un correo a disposición de todas as persoas interesadas en participar na proba de natación para que poidan inscribirse (gabrielagonzpi@nauticorodeira.com), e recordan que solo poderán participar as persoas inscritas previamente. Ademais haberá piraguas dispoñibles para as persoas que non queiran nadar.

Agaela é a única asociación da nosa comunidade que se ocupa desta enfermidade, dando a coñecer a labor dos seus membros, entre eles o noso querido Tino Guimeráns, cangués que se converteu na voz desta enfermidade en Galicia, un exemplo de esforzo e superación a todos os niveis.

Pili Guimeráns agarda que se supere a asistencia doutros anos, dado que “o único lugar de Galicia no que se realizará un evento polo Día Mundial da ELA será Cangas, asistindo persoas afectadas de toda a comunidade autónoma”, e adianta que se está a preparar para mediados de agosto unha iniciativa solidaria coa que agardan encher a liña do paseo de Rodeira de persoas voluntarias lanzándose cubos de auga para recordar que a ELA existe.

Animamos á veciñanza a participar e colaborar con este evento solidario que segue sumando éxitos ano tras ano.