Ir o contido principal

Accesibilidade Cognitiva

FacebookTwitterShare
Accesibilidade Cognitiva

Un grupo de persoas da Asociación Juan XXIII chegou hoxe ao Concello de Cangas para facerlle entrega ao concelleiro de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Tomás Hermelo, dunha serie de carteis informativos sobre a accesibilidade cognitiva, así como proceder á lectura dun manifesto reivindicativo sobre esta materia. Trátase dun acto organizado a nivel nacional que chegou a máis de 500 municipios.

A mensaxe que se pretende transmitir é clara: “A accesibilidade facilita a vida a todas as persoas, pero para algunhas é imprescindible e necesaria”. A formación fai fincapé en que, a día de hoxe, trabállase na accesibilidade física e sensorial; non obstante, a accesibilidade cognitiva aínda é un asunto pendente. Este é un problema que afecta á cidadanía, xa que “3 de cada 10 persoas poden ter dificultades para comprender a información e as contornas comunitarias”.

A Asociación Juan XXIII “traballa diariamente asumindo a máxima de que unha cousa posúe accesibilidade cognitiva cando é fácil de entender”. Por iso teñen un reto: lograr que toda a sociedade se implique neste labor para así acadar a inclusión total das persoas con dificultade intelectual.

Na reunión estableceuse que, de cara un futuro, formaranse grupos de traballo entre o Concello e a citada asociación para mellorar a accesibilidade cognitiva dentro das instalacións municipais.

Hai que ter en conta que o 2017 é o ano da Accesibilidade Universal, algo que motivou que o Comité Español de Representantes de Persoas Con Discapacidade puxera en marcha a campaña denominada “Horizonte Accesibilidade 4 de decembro 2017”. Campaña encamiñada “á toma de conciencia sobre a accesibilidade universal como cuestión de dereitos humanos, e á ausencia da mesma como unha discriminación e unha violación dos mesmos”.

Ademais, as formacións Plena inclusión España e Plena inclusión Extramadura organizarán un Congreso Estatal de Accesibilidade Cognitiva o 19 e 20 de outubro en Cáceres.