Ir o contido principal
Acto inaugural do MUVi en Cangas

MUVi - Museo do Videoxogo

FacebookTwitterShare
Muvi

O MUSEO DO VIDEOXOGO EN CANGAS, O MUVI, MEDRA ATA OS 300 METROS CADRADOS e abre a súa nova ubicación o 10 de setembro


A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia vén de anunciar a apertura dun novo Museo do Videoxogo na vila de Cangas do Morrazo o día 10 de setembro. Un centro de preservación, exposición e experimentación da industria cultural do Videoxogo, con capacidade para máis de 100 persoas e amplas exposicións cambiantes sobre o medio.
Trátase dun espazo completamente novo, sete veces máis grande que o anterior, que conta con coleccións renovadas e con representantes de tódalas tipoloxías de sistemas que conforman a historia do videoxogo. Dende máquinas Arcade, pasando por videoconsolas, portátiles e dispositivos bidirecccionales, ata unha selección dos títulos máis influíntes da historia do medio. Un lugar con decenas de pezas para tocar, experimentar e xogar.
Ademais, contará con aulas e áreas de divulgación, que posibilitarán o desenvolvemento de proxectos no campo do videoxogo e que transcenderán ao ámbito nacional.

ACTO INAUGURAL, CON REPRESENTACIÓN DA XUNTA DE GALICIA, MÚSICA EN DIRECTO E UNHA EXPOSICIÓN EFÉMERA SOBRE CINE

O sábado 10 de setembro ás 17:30 levarase a cabo un acto no novo MUVI de Cangas, que marcará o inicio do horario regular do MUVI: tódolos sábados de 16:30 a 20:00.
O acto de inaguración contará coas intervencións de Galo Martínez, Presidente da Fundación MUVI; D. Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia; Luz Castro, Presidenta de Videoxogo.gal; Aurora Prieto, Concelleira de Cultura do Concello de Cangas; e Jacobo Martínez, Director do Museo do Videoxogo.
Durante a tarde haberá un breve acto de música en directo que de seguro será do agrado dos visitantes, entre os que se atoparán diferentes personalidades do ámbito cultural e da industria galega do videoxogo que xa confirmaron a súa presenza.
Ademais, a través dos fondos “Subvencións dirixidas a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais”, a Deputación de Pontevedra posibilita unha exposición efémera e interactiva sobre Cine, que explora a relación entre ámbalas dúas industrias culturais ao longo dos últimos 40 anos.

Muvi