Ir o contido principal
8M Dia Internacional da Muller

MANIFESTO CONSELLO MUNICIPAL DE IGUALDADE 2022

FacebookTwitterShare
8M

MANIFESTO CONSELLO MUNICIPAL DE IGUALDADE 2022


Dende o Consello Municipal de Igualdade, como cada ano, saímos a rúa para conmemorar o Día Internacional das Mulleres Traballadoras. Cada 8 de marzo celebramos a unión entre todas as mulleres para loitar polos nosos dereitos. Somos conscientes dos avances, pero tamén de que nos queda moito por acadar como sociedade. Aínda que o calendario pon o enfoque nesta data, a loita pola igualdade real, a participación e o empoderamento feminino en todos os ámbitos é un traballo diario no que non podemos baixar a garda.
Enfrontamos este 8M mergulladas nos sombríos delirios de guerra dun patriarcado capitalista e salvaxe. E aínda que o pacifismo, case sempre, leva nome de home, sabemos que dende a Grecia clásica ate o nacemento do feminismo organizado, as mulleres demostraron ser radicalmente antibelicistas, un bo exemplo é a unión das palestinas e israelís para opoñerse á guerra e a ocupación do territorio no movemento Mulleres de Negro.
Esa cultura feminista e antibelicista demostra que o pacifismo é fillo das mulleres, do movemento feminista. Compre facer uso deste legado e loitar, hoxe máis que nunca, contra o monstro da guerra, por un mundo máis xusto que nos permita avanzar nos nosos dereitos e nos de toda a cidadanía. Porque a paz será feminista ou NON será.
Compre ademais reforzar a idea de apoiarnos máis que nunca, todas xuntas dende as nosas diversidades imos conseguilo. Imos loitar. Todas xuntas somos máis fortes.
Por iso non debemos esquecernos de algo moi IMPORTANTE: as veces instrumentalízanse loitas entre mulleres que xeran divisións, loitas conceptuais, loitas partidarias. Cantas de nós non fomos humilladas, vexadas, depreciadas tamén polo noso mesmo sexo? Cantas!!!
Hoxe cómpre falar do respecto mutuo a pesar das diferenzas, do bo trato a pesar das diverxencias, da confianza e defensa entre nos. Entre Mulleres. Baixo o soporte que da a SORORIDADE
Afrontamos un novo ano con estatísticas que evidencian a concentración do talento nas mulleres pero tamén os desequilibrios de xénero, sobre todo no ámbito doméstico polo que hai que seguir traballando en medidas dirixidas á conciliación familiar, persoal e laboral que favorezan o acceso das mulleres ao mercado laboral con ferramentas para a súa plena integración na sociedade. Porque si algo nos iguala é ter un salario, garante da plena autonomía.
Hoxe saímos á rúa para reivindicar a erradicación das violencias de xénero, as agresións, as humillacións, o acoso, as exclusións por ser Mulleres. Reivindicamos unha igualdade salarial real, rompendo cos teitos de cristal e cos chan pegañentos. Reivindicamos a valorización das traballadoras de sectores feminizados; non podemos esquecernos de visibilizar e poñer no centro o traballo dos coidados. Reivindicamos recursos sociosanitarios que promovan a nosa saúde. Reivindicamos un sistema público de pensións e prestacións dignas que teñan en conta as especiais dificultades das mulleres para garantir unha vida digna e de calidade.
Á situación de desigualdade laboral, que o incumprimento da promesa de derogación da reforma laboral vai agravar, súmase a desigualdade derivada da falta de servizos públicos, que alimenta unha economía mergullada na que milleiros de mulleres traballan sen recoñecemento e condicións dignas. Así mesmo, seguen pendentes compromisos como a demandada ratificación do convenio 189 da OIT, que o goberno do Estado dicía ter en marcha hai un ano, máis aínda non se verificou e que é clave para a dignificación e protección das traballadoras do fogar.
As Mulleres traballadoras loitamos día a día por un feminismo combativo e de clase, traballemos por unha loita obreira inclusiva, antirracista e decolonial, anticapitalista, antiimperialista e transincluínte. Sabemos que o noso sitio é a rúa, defenderemos os nosos espazos, pelexaremos polos nosos dereitos, pola autodeterminación de xénero, por camiñar libres e sen medo.
As Mulleres traballadoras somos precarizadas polos gobernos, institucións e empresas. Loitemos xuntas para que esta explotación laboral remate.
BASTA XA berramos:
-Basta xa aos traballos feminizados, que son un nicho de mercado precario e desvalorizado.
-Basta xa a cobrar menos ca os homes e ás pensións mais baixas.
-Basta xa ás violencias no traballo. 


Mobilicémonos para garantir os nosos dereitos e esixamos que está situación de desigualdade remate xa!
O 8 M e todos os días do ano queremos un feminismo comprometido cos dereitos e as loitas das traballadoras, de todas as mulleres!