Ir o contido principal

Vivendas de uso turístico

FacebookTwitterShare
Vivendas de uso turístico

A Concelleira de Medio Ambiente e Turismo quere pronunciarse sobre o novo decreto de regulación de vivendas de uso turístico.

Tras varias reunións coa veciñanza que conta con vivendas de uso turístico, Tania Castro, concelleira de medio ambiente e turismo, quere expor unhas cuestións básicas que se veñen repetindo en tódalas reunións:

  1. Rexistro dunha vivenda de uso turístico, na delegación de Pontevedra da Axencia de Turismo de Galicia, non se poderá efectuar ata o 10 de maio do 2017, día a partires do que deberán presentar o documento “Declaración responsable” que se lles solicita.
  2. Para este rexistro, a persoa propietaria deberá cubrir o modelo que a Xunta de Galicia realice e que o concello de Cangas porá a disposición das persoas interesadas en canto sexa facilitado, e pagar unha taxa de inscrición á Xunta de 56,26 €.
  3. Só deberá inscribirse a veciñanza que teña unha vivenda que queira alugar por períodos de menos de 30 días e a vaia a alugar dúas ou máis veces ao ano. Todas aquelas persoas que aluguen unha vivenda por períodos maiores de 30 días non se inscribirán neste rexistro e rexeranse pola Lei de Arrendamentos Urbanos como ata o de agora.
  4. De carácter obrigatorio para todo aquel veciño ou veciña que se inscriba:
  • A vivenda debe estar amoblada co equipamento mínimo necesario, estar limpa e ter calefacción se o aluguer se vai a producir entre outubro e maio.
  • Ter un seguro de responsabilidade civil que cubra os riscos do usuariado. Este seguro, habitualmente, xa está integrado no seguro habitual de vivendas. Recoméndase a cada veciño e veciña que o consulten co seu axente de seguros.
  • Dar parte á Garda Civil dos viaxeiros/as que se aloxen na vivenda.
  • Ter un número de teléfono habilitado 24 horas (atención de incidencias) e contar con follas de reclamacións.
  • Dispoñer da seguinte documentación mínima:
    • DNI da persoa arrendadora.
    • Escritura de propiedade da vivenda.
    • Licenza de primeira ocupación. Dado que varias vivendas non contan    con este documento (simplemente porque no momento de construción     non se redactaban) a persoa propietaria que non teña licenza de       primeira ocupación deberá solicitar no concello un “Informe de vivenda   que non está cualificada como ilegal polo concello a efectos    urbanísticos”, documento que conta cun custe de 65,07€ e solicítase mediante instancia dirixida ao departamento de urbanismo.

A concelleira entende as incomodidades que esta regularización pode ocasionar para a veciñanza e queda a disposición, tanto mediante citas presenciais no concello de luns a venres de 12:00 a 14:00 horas, como por e-mail en t.castro@cangas.gal ou medioambiente@cangas.gal. “Dende a concellaría faremos todo o que estea nas nosas mans para facilitar que a nosa veciñanza siga alugando as súas vivendas con uso turístico. Estes alugamentos son esenciais para o desenvolvemento económico e turístico de Cangas e temos que ter a capacidade, como conxunto, de proporcionar ao visitante o máis amplo abano de posibilidades.”