Ir o contido principal

BANDO DA ALCALDÍA - 4 de maio

FacebookTwitterShare
Bando

Cangas, 4 de maio de 2020

Mesmo que seguimos coa terrible ameaza da pandemia orixinada polo chamado coronavirus, é certo que estamos a empezar estes días unha nova etapa que nos debera levar, pouco a pouco e se non hai retrocesos, a ir suavizando as medidas de confinamento e de restrición de liberdades persoais, que ademais supuxeron unha importante perda económica para gran parte da nosa poboación.

Pero precisamente, para que esa etapa que comeza en distintas fases supoña un avance cara adiante e non dea pé a retroceso ningún, é polo que me permito, como Alcalde deste Municipio, dirixirme a vós para lembrar unhas consideracións básicas que todas e todos, sen excepcións, deberemos practicar na totalidade do proceso:

En calquera das actividades que poidamos realizar nas distintas etapas que se vaian programando (paseos, exercicio, compras, actividades económicas de calquera tipo, recepción de servizos etc) deberemos ter sempre presentes as seguintes obrigas e recomendacións:

  • Obriga de gardar a distancia entre persoas de 2 metros como mínimo, tanto ao aire libre como en locais pechados.
  • Obriga de respectar as franxas, as duracións horarias e as distancias a percorrer, establecidas por idades  para as actividades de ocio e deportivas.
  • Prohibición de apalpar, para despois deixar, os alimentos ou outros produtos nos comercios e establecementos aos que vaiamos tendo acceso.
  • Recomendación, con carácter de gran importancia, do uso de máscaras tanto nas actividades ao aire libre como, sobre todo, nos locais comerciais e outros pechados onde teñamos que coincidir con outras persoas. No transporte público son obrigatorias.
  • Recomendación de adoptar as medidas hixiénicas de lavado frecuente de mans e desinfección de produtos ou obxectos tocados antes por outras persoas

Evidentemente, son coñecedor de que unha alta porcentaxe da poboación (a inmensa maioría) está cumprindo con estas obrigas e outras recomendacións beneficiosas para a saúde colectiva, pero debemos ser conscientes de que unha pequena porcentaxe que incumpra pode supoñer un risco elevado para o resto das persoas e ter unha repercusión altamente negativa na evolución da pandemia.

Agradezo, como é obvio, o voso sacrificio e o seguimento das normas polo ben da colectividade.

Xosé Manuel Pazos Varela – Alcalde.