Ir o contido principal

O FLORIDO PÉNSIL

O FLORIDO PÉNSIL
Fecha de inicio Data de inicio:

Sábado, 22 de outubro ás 21horas.

Eme2 Presenta: O FLORIDO PÉNSIL

Autor: Andrés Sopeña
Adaptación teatral: Tanttaka Teatroa
Dirección: Fernando Bernués e Mireia Gabilondo
Elenco: Xosé Manuel Olveira “Pico”, Antonio Durán “Morris”, Federico Pérez, Josito Porto , Alfonso Agra

Estreada en 1996 e despois de facer dúas temporadas completas, O florido pénsil realizou máis de 3.000 funcións nas tres versións que se fixeron: español, catalán e euskera. Estivo en carteleira en Madrid durante 9 meses con cheos absolutos, e dous meses en Bos Aires. Sen dúbida foi o espectáculo máis aclamado dos últimos 20 anos da historia do teatro español, e un dos de maior afluencia de público.

O florido pénsil conta substancialmente as vicisitudes dun grupo de rapaces sometidos á absurda e ilóxica brutalidade do sistema educativo que dominou a España da posguerra. Os seus protagonistas descóbrennos un fresco no que se sucederán os escenarios da acción; en primeiro lugar a escola –centro de operacións fundamental para a propaganda do ideario fascista- e, máis tarde, o resto das tribunas desde onde o réxime mandaba os seus sinais de apoio: o cinema de barrio, a radio familiar, a igrexa e a prensa, representada aquí polo aparentemente inofensivo Tebeo.

O fresco inclúe tamén unha variada e interesante fauna de personaxes nos que se misturan heroes do cinema e da banda deseñada con casposos mestres, mozos máis ou menos espabilados con curas de alento tronante, e voces de nomes míticos cuxos rostros nos roubou a historia: Matías Prats, Pedro Pablo Ayuso, Matilde Conesa.
A obra, naturalmente, está representada por cinco actores adultos. A distancia entre actores adultos e personaxes infantís serve para peneirar as dúbidas, a incomprensión e sobre todo a tremenda perplexidade que xorde da aplicación da lóxica infantil á desmesura ideolóxica da educación do réxime.

Con estes ingredientes, non é de estrañar que a temática da obra xire arredor das posibilidades de vivir folgadamente no futuro a través dos recursos que proporcionan uns increíbles exercicios de aritmética; cuestione a ridícula predestinación divina depositada na nación española como salvagarda dos valores morais no mundo; avalíe as triscas obtidas por cadaquén ante a impenetrabilidade do misterio da fe; se espante ante a inefable superioridade intelectual e moral do heroe español Roberto Alcázar; e se aburra e irrite ante a patente estupidez asociada a indios e negros en Hollywood.

Sen dúbida, este repaso á nosa infancia resultaría coxo se no incluíra unha boa dose de cancións, sintonías, NO-DOS e outros elementos que caracterizaron o caldo de cultivo da nosa “educación sentimental”.

Nembargantes esta liña argumental que serve para o conxunto do Estado español non recollería a especificidade do caso galego; o réxime caracterizouse pola negación máis absoluta dos dereitos máis elementais da lingua e a cultura galega. A represión sufrida polas nosas tradicións e o contacto de nenos e sensibilidadades procedentes de distintos entornos coa conflitividade, a veces amarga e a veces divertida, que produciu; pecha un mural ao que aínda hoxe en día culpamos da maioría dos nosos males.

 

O ELENCO
Xosé Manuel Olveira “Pico”
Un dos actores máis consagrados da escena galega, participou ao longo da súa traxectoria en 20 montaxes do CDG. No eido do audiovisual ten traballado en series como Mareas vivas ou Padre Casares. No seu haber conta con tres premios María Casares por interpretación masculina.

 

Antonio Durán “Morris”
Nacido en 1959 é un dos actores máis senlleiros da escena galega, tanto no audiovisual coma nas artes escénicas. É recoñecido en toda Galicia polo seu papel de Cuñado en Pratos combinados e de Alcalde en Padre Casares, dous dos seriais máis exitosos da historia da televisión autonómica, e recordado por todos no papel do Enfermo Imaxinario do Centro Dramático Galego, nas súas primeiras temporadas.

 

Federico Pérez
O máis novo do elenco destaca pola súa comicidade e seu control dos rexistros en galego. O seu papel de Josito na serie Padre Casares convertiuno nunha figura dentro do panorama audiovisual galego.

 

Josito Porto
Actor recoñecido no panorama teatral galego, nomeado varios anos aos premios de teatro María Casares, participou en varias peliculas como O lápis do carpinteiro ou A los que aman, de Isabel Coixet. Tamén participou en series de gran éxito en Galicia como Pratos combinados.

 

Alfonso Agra
Participou en todalas montaxes da compañía Artello nos anos oitenta e noventa. Traballou en varias longametraxes e series da Televisión de Galicia, entre as que se contan éxitos como Libro de familia ou Mareas vivas.

 

A DIRECCIÓN
Fernando Bernués e Mireia Gabilondo son unha parella de directores vencellados á compañía vasca Tanttaka. A súa obra é polifacética, xa que teñen dirixido en conxunto ou por separado numerosas montaxes de xéneros ben distintos. Gabilondo, para alén do teatro, destaca polas súas direccións dos espectáculos de danza da compañía Kukkai, renovadora da danza tradicional vasca.

Bernués, pola súa banda, ten dirixido numerosas compañías e actores en todo o estado. A súa relación con Galicia chega a través de Manuel Rivas, para quen realizaron unha versión da novela A man dos paíños titulada La mano del emigrante. O EQUIPO

 

VENDA DE LOCALIDADES
Anticipada:

www.servinova.com / teléfono: 902 504 500
O mesmo día: Despacho de billetes do Auditorio: de 19:00 a 21:00horas.
(2 horas antes do comezo da función).

 

PREZO: 12€