Ir o contido principal

Sendeiro Azul (Roteiro de Donón)

Sendeiro Azul (Roteiro de Donón)

O sendeiro azul que percorre a Costa da Vela permítenos visitar xacementos arqueolóxicos, muíños, hórreos e faros; e mesmo contemplar as Illas Cíes dende o punto da terra máis preto a elas.

Características da ruta:

  • Lonxitude: 10.991 metros
  • Tempo aproximado: 3 horas

 

 

O Monte do Facho

O Monte do Facho acolleu ao longo dos séculos distintas expresións da vida na comarca, comezando no s. X a.C. Cun poboado na ladeira este, ata o s. VI a.C. cando xorde o castro galaico, poboado fortificado que subsistirá ata o s. I a.C. Posteriormente, é un santuario o que se levanta sobre o cumio ao longo dos s. II ao IV d.C. Finalmente no s. XVIII constrúese o posto de vixilancia costeira con fins militares do cal queda en pé a garita.

Hórreos

Seguindo a nosa ruta dirixímonos ata os hórreos. Trátase dunha construción xeralmente rectangular, feita sobre columnas e con moitas aberturas nas paredes para facilitar a ventilación. Están feitos para gardar e conservar o millo e outros produtos agrícolas, protexéndoos da humidade e dos animais, e manténdoos en bo estado para o seu consumo.

Muíño

Á beira do río atópase un antigo muíño. A maioría dos muíños eran e seguen a ser, propiedade de varios veciños, que tiñan o dereito a moer unhas horas ao día ou á semana. O funcionamento dos muíños situados ás beiras do río é como segue: o grao bótase na tremoia, dende aí cae na quenlla e dende ela no ollo da moa. Entre esta e o pé é onde se moe, caendo arredor no tremiñado xa convertido en fariña. Para que xire a moa precísase que a agua que ven polo canal caia no cubo e dende aquí de contra o rodicio para que o faga andar ao redor.

Faro de Punta Subrido

Avanzando polo camiño chegamos ao Faro de Punta Subrido. Este faro consiste nunha torre cilíndrica duns 13 metros, con dous pisos e pintado de branco, pero coa porta e as ventás remarcadas de cor azul. Está situado a 33m do nivel do mar cunha excelente panorámica que nos permite contemplar os areais de Barra e Nerga, a praia de Melide e o faro de Punta Robaleira.

Praia de Melide

Enmarcada por tres faros e dentro dun Espazo Natural Protexido, o areal de Melide conta cuns 250m de longo. Coa súa area fina e branca convértese nunha praia ideal para o lecer pola súa zona de árbores e o seu sistema dunar, estabilizado por bosques de piñeiros e matogueira de toxo.

Faro de Punta Robaleira

Seguindo cara o outro extremo da praia, atópase este antigo faro de cantería, que indica co seu nome a alta presenza de robalizas nesta zona. Trátase dunha torre cilíndrica de gran anchura e pouca altura construída en pedra e pintada de cor vermella. 

Faro de Cabo Home

Avanzamos finalmente ata o extremo máis occidental da península do Morrazo ata o faro de Cabo Home. Trátase dunha torre cilíndrica, semellante á de Punta Subrido, só que con tres andares, branca, e con porta e ventás pintadas co borde de cor azul.

É un dos faros máis altos de Galicia, situado a tan só 2,5km das Illas Cíes, polo que é o punto de terra máis próximo a elas.

Caracola

Seguindo a Costa da Vela, chegamos ata a Caracola, unha escultura metálica feita polo artista moañés Lito Portela no ano 2005.

A estrutura de tubos de aceiro adopta a forma dunha caracola mariña que envolve ao visitante para que poida escoitar o mar dentro da buguina ou contemplar as impresionantes postas de sol do Atlántico.

 

CARTEL