Ir o contido principal

V Plan de Igualdade entre mulleres e homes 2022-2026

Plan Igualdade

O Concello de Cangas, consciente das barreiras que aínda persisten na nosa sociedade para a consecución dunha igualdade plena entre mulleres e homes, ven de elaborar o V Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades e, deste xeito, continuar traballando de forma planificada, coordinada e activa na consecución dunha sociedade máis xusta e igualitaria para todas as persoas do municipio durante os vindeiros cinco anos.

O V Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes do Concello de Cangas (en adiante V PIM), aséntase na experiencia previa dos anteriores plans municipais de igualdade, dálle continuidade e amplía as políticas de igualdade xa iniciadas, proporcionando un especial impulso á transversalidade que afectará a todas as Concellerías, Áreas e Servizos municipais, para así lograr un verdadeiro enfoque de xénero desde todas as políticas e actuacións públicas.

Así mesmo, mediante unha serie de medidas, levará o enfoque igualitario á poboación, buscando o seu benestar persoal e un cambio de valores que suporá un maior enraizamento da igualdade na cidadanía de Cangas.

O V Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes do Concello de Cangas céntrase en dous eixes estratéxicos sobre os que se vertebran 6 áreas de intervención, 8 obxectivos estratéxicos, 14 obxectivos operativos e 70 medidas que impregnan todas as áreas e departamentos municipais e numerosos aspectos sociais.

Esta formulación é froito dun proceso de participación, achegas e consenso de diferentes axentes políticos, técnicos e sociais e, onde as achegas das mulleres de Cangas a través do Consello Municipal de Igualdade, da mocidade e da cidadanía foron relevantes para este proceso de definición das liñas de actuación para paliar desigualdades de xénero e avanzar cara a unha igualdade real e efectiva.

Así memo, poñer de relevo a responsabilidade coa igualdade adquirida polo Concello de Cangas, implica facer referencia ao Centro de Información ás Mulleres (CIM), que dende o ano 2000, asesora, apoia e actúa en cuestións xurídicas, sociais, psicolóxicas e en materia de violencias machistas ás mulleres do territorio e, ao mesmo tempo coordina as accións que se derivaron da implementación dos catro Plans municipais de Igualdade. Trátase ademais do eixo central das políticas de xénero no ámbito municipal sendo o espazo de referencia das mulleres que presentan algunha problemática derivada das desigualdades de xénero.