Ir o contido principal

“Cangas pola igualdade dende a diferencia. Educando en valores”

Educando en valores

Dende a Concellería de Servizos Sociais, Igualdade, Feminismo e Sanidade vimos de crear o proxecto “Educando en Valores” que se basea en que os libros e material que nos poidan ofrecer un aprendizaxe en valores sexan sinalados cun “punto lila” para que, tanto familia como entorno, poidamos coñecer de antemán que o libro que estamos a retirar en préstamo, de calquera das bibliotecas dos centros educativos de Cangas ou das Bibliotecas Municipais, é unha ferramenta que nos vai proporcionar unha educación e formación en valores.

Creamos este proxecto, como ferramenta de axuda á familia e ao entorno e como apoio á comunidade educativa coa finalidade de divulgar material “coeducativo” e promover que a selección de libros e material respondan a criterios de respecto e empatía necesarios cara a diversidade, igualdade e non discriminación inherente a natureza humana.

Estes exemplares xa se poden consultar nas Bibliotecas Municipais e nos Centros Educativos IES Rodeira, CEIP do Hío e CEIP A Rúa. O obxectivo do Concello é que se incorporen o resto de centros educativos pouco a pouco para que todos os nenos teñan as mesmas oportunidades de educarse en valores, igualdade de dereitos, oportunidades e resultados.