O Concello de Cangas aprobou o regulamento de Linguaxe non sexista de aplicación á corporación local e aos seus órganos de goberno, ao seu cadro de persoal e aos seus órganos autónomos.
Creado para evitar o uso sexista da linguaxe en calquera tipo de comunicación oficial, interna ou externa, oral ou escrita e en toda forma de comunicación coa sociedade, deberán utilizarse os recursos lingüísticos e normas de uso que se recollen neste regulamento que rexerá o ámbito municipal e o uso da linguaxe non sexista e igualitaria entre mulleres e homes mediante:
- A potenciación da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
- A utilización en todos os departamentos municipais e nos documentos internos e externos dunha linguaxe inclusiva. A aplicación efectuarase tanto no formato tradicional (papel) como nos formatos dixitais (pdf, interactivos, doc. de Word, etc.) e nas plataformas onde se soportan estes formatos: Internet (web municipal ou portais web de áreas ou concellerías) e intranet municipal.