Ir o contido principal

AXUDAS DESTINADAS A PERSOAS TITULADAS UNIVERSITARIAS EN SITUACIÓN DE DESEMPREGO PARA A MATRÍCULA NUN MÁSTER UNIVERSITARIO OFICIAL

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas destinadas a financiar os gastos derivados da matrícula no curso académico 2020/21 de persoas desempregadas con titulación universitaria matriculadas nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia (código de procedemento ED421A).

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes Poderán solicitar estas axudas as persoas tituladas universitarias que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar en situación de desemprego á data de presentación da solicitude.

b) Ter rematados os estudos universitarios que lle dean acceso aos estudos do máster universitario con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2018.

c) Estar matriculado no curso académico 2020/21 nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia, dun mínimo de 60 créditos excluídos os créditos recoñecidos, validados ou adaptados.

d) Non estar incluídas nos casos de beneficios e exención total de matrícula previstos nos artigos 11 e 12 do Decreto 102/2020, do 9 de xullo, polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2020/21 (DOG núm. 145, do 21 de xullo).

e) Non ter gozado desta axuda en convocatorias anteriores.

Artigo 4. Contía da axuda

1. A contía da axuda cubrirá o importe das materias matriculadas por primeira vez, ata un máximo de 60 créditos, do máster universitario oficial segundo os prezos públicos establecidos no anexo do Decreto 102/2020, do 9 de xullo, polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2020/21 (DOG núm. 145, do 21 de xullo).

Para os incluídos nos puntos 2 e 3 do anexo do decreto a contía máxima asignada será de 835,80 euros para os dos epígrafes A) e de 591 euros para os dos epígrafes B).

2. A axuda só alcanzará para a realización dun único máster universitario.

3. Quedan excluídas do importe da axuda as exencións e bonificacións do pagamento das taxas a que tiver dereito a persoa beneficiaria. 4. A repartición da axuda efectuarase en función dos criterios da avaliación previstos no artigo 12 desta orde ata esgotar a asignación orzamentaria ou o seu incremento, de ser o caso.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ao teren as persoas incluídas no ámbito subxectivo as competencias técnicas e dispoñibilidade de acceso aos medios electrónicos necesarios para formalizar as solicitudes.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Unha vez formalizada a solicitude, deberá ser asinada pola persoa interesada con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviala polo procedemento electrónico establecido; quedará así presentada para todos os efectos.

Non se terán en conta aquelas solicitudes formalizadas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido e obteñan o xustificante de solicitude, que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación da súa solicitude no prazo e forma establecidos.

2. As solicitudes subscribiraas electronicamente a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes