Dende o concello de Cangas, a partir de outubro de 2019 e dentro da Estratexia Española de Activación para o Emprego, ponse en marcha o Servizo de Orientación Laboral, ao adquirir este a condición de Centro Colaborador e Asociado ao Servizo Galego de Colocación, como instrumento para Informar, Apoiar e Asesorar nos procesos de procura de emprego e dotar ás persoas usuarias da Información, os Recursos, as Competencias e Habilidades que faciliten a súa inserción laboral.
Este Servizo, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria ten como obxectivo a promoción do emprego de calidade, a loita contra o desemprego e a precariedade laboral, actuando sobre as seguintes liñas:
- Orientación para o emprego con información sobre o mercado laboral, orientación profesional, atención inicial e tutorización a través de asesoramento personalizado e acompañamento á inserción laboral.
- Formación e capacitación tanto a través da adquisición de competencias clave, básicas e transversais, como formación técnico-profesional. A importancia do manexo das TIC´s.
- Actividades para aprender a buscar emprego (utilización de portais de emprego, boletíns, etc.) e adestrar habilidades (autocoñecemento, elaboración DAFO, currículo 2.0, redes sociais e networking, carta de presentación, entrevista de selección rol-playing...), identificar o noso obxectivo profesional, utilizar estratexias e crear oportunidades de emprego.
- Intermediación laboral e creación dunha bolsa de emprego.
- Ofrecer apoio emocional para axudar a superar sentimentos de frustración e desmotivación, a intelixencia emocional aplicada á procura de emprego.
- Fomentar a colaboración entre todos os centros, servizos e entidades implicadas na creación de emprego, formación e desenvolvemento tanto persoal como sociolaboral.