O CONCELLO REFORZA A ACTIVIDADE DIVULGATIVA DO MUVI
O Concello de Cangas continúa impulsando a colaboración entre os equipamentos culturais municipais e os proxectos educativos e patrimoniais da vila coa cesión das instalacións do Auditorio Municipal de Cangas ao Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI), unha iniciativa que permitiu ampliar a capacidade das actividades divulgativas desenvolvidas polo museo durante o presente curso escolar.
Grazas á utilización deste espazo municipal, o MUVI puido desenvolver parte da súa programación educativa con grupos de alumnado de maior tamaño, procedentes de centros de ensino de toda Galicia. Deste xeito, as visitas habituais ao museo complétanse con actividades transversais centradas no Videoxogo Galego e no seu valor como medio de expresión cultural, artístico, social e educativo.
Os obradoiros desenvolvidos no Auditorio Municipal abordan cuestións como o uso saudable dos videoxogos, a música no videoxogo, a presenza do galego na industria, o papel da muller no sector ou a divulgación do ecosistema do Videoxogo Galego, reforzando así o papel de Cangas como punto de referencia na preservación e difusión do patrimonio dixital contemporáneo.
A combinación entre a experiencia museística habitual que caracteriza ao MUVI e a realización destes talleres nun espazo municipal con maior capacidade permitiu ofrecer unha proposta educativa máis completa e adaptada ao incremento progresivo da demanda por parte dos centros educativos. O MUVI estima que esta nova fórmula permitirá superar os datos de visitas escolares acadados durante 2025 e alcanzar proximamente o milleiro de estudantes procedentes de toda a xeografía galega.
Desde o Concello de Cangas valórase moi positivamente esta colaboración, que permite poñer os recursos municipais ao servizo da educación, da cultura e da innovación, ao tempo que contribúe a incrementar a chegada de centros de ensino á vila e a fortalecer a actividade do MUVI como proxecto cultural de referencia en Galicia.
Jacobo Martínez, cofundador da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, declara que “Queremos agradecer ao director do Auditorio Municipal e ao Concello de Cangas a súa disposición para facilitar un escenario que nos está a permitir ampliar enormemente a nosa capacidade de divulgación. Hai apenas un ano era inviable poder desenvolver actividades deste tipo para grupos tan numerosos”.
Por outra banda, Roberto Carracelas, Padrón da Fundación, insiste: “Este novo marco, xunto con outras accións que estamos poñendo en marcha, é o punto de partida dun plan para incrementar o número de visitas de centros de ensino a Cangas e reforzar o papel do Museo do Videoxogo como ferramenta de difusión cultural, educativa e patrimonial para toda Galicia”.
- Log in to post comments



