III Concurso de Canto e Percusión da Asociación Cultural María Soliña
III Concurso de Canto e Percusión da Asociación Cultural María Soliña
O vindeiro domingo, 15 de marzo, o Auditorio Xosé Manuel Pazos de Cangas acollerá a celebración do III Concurso de Canto e Percusión, organizado pola Asociación Cultural María Soliña.
Ao longo de toda a xornada participarán ata 60 agrupacións procedentes de asociacións sen ánimo de lucro de toda Galicia, que competirán en distintas categorías organizadas por idades. Un xurado profesional será o encargado de valorar as actuacións e premiar aqueles grupos que destaquen tanto pola súa calidade artística como pola fidelidade á tradición histórica das pezas interpretadas.
As persoas participantes serán recibidas coa hospitalidade que caracteriza á vila de Cangas e, ao remate do concurso, repartiranse trofeos e cheques con diferentes cuantías económicas, que variarán segundo a categoría premiada.
Como é habitual nesta cita cultural, o evento contará tamén cun espazo dedicado á exposición de artesáns e asociacións locais. Nesta edición participarán ADICAM, Colonias Canguesas e O Cesteiro de Eco Tuy, achegando ao público unha mostra do traballo artesanal e asociativo da contorna.
Para facilitar que todas as persoas interesadas poidan seguir o evento, o concurso poderá verse tamén en directo a través de streaming, permitindo así desfrutar das actuacións desde calquera lugar.
O Concello de Cangas anima á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse ao auditorio e gozar dunha xornada dedicada á música tradicional, á cultura galega e á convivencia entre agrupacións de toda Galicia.
- Log in to post comments



