Ir o contido principal

CANGAS PRESENTA A 21ª EDICIÓN DO SALÓN DO CÓMIC E ILUSTRACIÓN

FacebookTwitterShare
Presentación Cómic

O Concello de Cangas presentou este mércores a 21ª edición do Salón do Cómic e Ilustración, que se celebrará entre os días 11 e 18 de xullo e volverá converter a vila nun punto de encontro para artistas, lectorado, profesionais e afeccionados á banda deseñada.

A alcaldesa de Cangas, Araceli Xestido, e Mercedes Lorenzo, técnica responsable da Área de Xuventude, deron a coñecer as primeiras novidades desta edición, que contará cunha programación aberta ao público e con actividades vencelladas á ilustración, ao cómic, ás autoras e autores e ás súas obras.

Desde a súa primeira edición, no ano 1990, o Salón do Cómic de Cangas reuniu na vila a numerosos debuxantes e ilustradores, tanto figuras xa consolidadas como novos talentos. Nesta nova edición, o evento volverá combinar exposicións, obradoiros, charlas-coloquio, feira do cómic, librarías especializadas, proxeccións de cinema e sinaturas de exemplares.

A edición deste ano contará con Xulia Vicente, Paco Alcázar e Clara & Olivia Cábez como artistas convidadas/os. Nas vindeiras semanas, a organización dará a coñecer a programación completa do Salón, que se desenvolverá principalmente no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela e na Casa da Bóla.

Durante a presentación, Mercedes Lorenzo destacou que o Salón é unha proposta “para todas as idades” e unha das grandes referencias galegas no ámbito da banda deseñada. Pola súa banda, a alcaldesa, Araceli Xestido, subliñou que o cómic e a ilustración son “formas de contar historias, de construír imaxinarios, de fomentar a lectura e tamén de abrir novas maneiras de mirar o mundo”.

O CARTEL DA 21ª EDICIÓN

O cartel desta edición é obra do deseñador Cristian Robles, que xa formou parte do cartel de convidados do 20º Salón do Cómic. O autor explicou que Cangas e as súas vistas foron unha inspiración fundamental para a creación da imaxe desta nova edición.

Cristian Robles, formado como ilustrador na Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos Llotja de Barcelona, destaca por un estilo narrativo propio, no que combina elementos e personaxes para crear escenarios fantásticos nos que o cotián se transforma en algo extraordinario.

INAUGURACIÓN

A inauguración da 21ª edición do Salón do Cómic e Ilustración terá lugar o sábado 11 de xullo, a partir das 19.00 horas, no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela. Desde esa mesma mañá poderá visitarse o Mercado do Cómic.

ARTISTAS CONVIDAD@S

Paco Alcázar é debuxante, ilustrador, músico e creador dun universo recoñecible, inquietante e cheo de personaxes estraños e cotiáns. Ao longo de máis de 30 anos de carreira profesional, desenvolveu unha obra cun estilo moi persoal, na que destaca a súa creación máis coñecida, Silvio José.

Clara e Olivia Cábez son dúas irmás madrileñas que unen banda deseñada, música, humor e irreverencia. Clara debuxa e Olivia escribe historias marcadas polo rock and roll, o garage e o punk. Tras gañar dous anos consecutivos o premio do Salón do Cómic de Barcelona ao mellor fanzine, publicaron o seu primeiro álbum longo, Cols. La cara B.

Xulia Vicente é unha debuxante e ilustradora galega cunha traxectoria destacada dentro e fóra do Estado. O seu estilo dinámico, de liña solta e cun uso expresivo da cor, permitiulle acadar recoñecemento internacional. En 2022 gañou nos Estados Unidos o premio Ignatz polo cómic I See a Knight, versión inglesa de La jinete me aguarda.