Ir o contido principal

O Concello pon en marcha a segunda fase do Proxecto Naturalmente Cangas

FacebookTwitterShare
O Concello pon en marcha a segunda fase do Proxecto Naturalmente Cangas

O Concello segue coa súa intención de chegar a cumprir as obrigas Europeas en 2020 e conseguir reciclar un 50% dos residuos, producindo así grandes melloras na calidade ambiental e na protección do patrimonio natural, do noso entorno.

Reciclaxe orgánica

 “As Zonas de compostaxe urbana situadas en Rodeira, nos Xardíns de Andrea e nos Xardíns dos Xulgados levan funcionando un mes e a veciñanza está colaborando moi satisfactoriamente coa reciclaxe orgánica”, comenta Tania Castro, Concelleira de Medio Ambiente e Turismo. Os aportes da veciñanza nestes colectores de orgánico están sendo diarios e respectuosos coas indicacións do Mestre Composteiro asignado pola Deputación. Colaborar é moi fácil: basta contactar coa Concellería de Medio Ambiente do Concello de Cangas telefonicamente ou enviando un e-mail a medioambiente@cangas.gal ou t.castro@cangas.gal. O Mestre Composteiro porase en contacto co veciño ou veciña que queira colaborar explicándolle a maneira de facelo. Os aportes de materia orgánica poden gardarse de un día para outro nos cubos ventilados que o Concello entrega á veciñanza interesada en colaborar.

Para a compostaxe individual, orientada á veciñanza que vive nas parroquias, será requisito indispensable que conten cun espazo de xardín ou horta. As familias que participen na compostaxe individual recibirán en cesión e de balde un composteiro individual e un curso formativo para poder realizar abono de calidade coa materia orgánica.

Reciclaxe papel, cartón e vidro

“É preciso reformular con urxencia a localización dos colectores de todo o concello xa que recibimos moitas queixas da súa situación. Non estamos contentos coa distribución dos colectores porque en moitos casos non cobren as necesidades reais en cada zona. Temos recibido queixas de tódalas parroquias e tamén de vías máis urbanas como a Avenida de Vigo ou a Rúa Longán. Para solucionar este problema comezamos xa a realización dun estudio e dun Plan Municipal de Recollida e Tratamento de Residuos que nos servirá como informe tanto para adecuar o número de colectores que precisamos de cada tipo en cada lugar como a localización idónea para estes. Dentro deste Plan contemplamos tamén a implantación de Puntos Limpos Parroquiais, moi necesarios para seguir potenciando a reciclaxe non só no casco urbano senón tamén nas parroquias”.

Con respecto ás verteduras que veñen acontecendo en Nerga a concelleira quere recordar que “o Punto Limpo de Nerga xa non existe, por non cumprir as normas ambientais” e solicita á veciñanza que non verta nese punto. Nestes meses estudarase con detemento este caso para decidir onde localizar un novo mini punto limpo que será integrado no Plan Municipal anteriormente descrito.