Pola estrada de Cangas a Bueu, antes de chegar a Aldán, desviámonos á esquerda por un cruce que pon “Hío” e seguimos as indicacións da igrexa de “O Hío”. San Andrés de Hío é unha igrexa moi interesante pola súa antigüidade. A igrexa é un compendio de moitos e variados estilos, resultado das alteracións e modificacións que sufriu ao longo da súa historia. Do románico mantén a decoración da fachada, os caleiros do tellado e a súa planta de cruz latina. O interior presenta bóvedas góticas combinadas coas barrocas de casetóns – no cruceiro e na capela maior- que lembran a San Martín Pinario en Santiago de Compostela.
A súa orixe románica pode descubrirse aínda hoxe na súa portada. Presenta unha estrutura abucinada que se acentúa mediante dúas arquivoltas de medio punto de dobre bocel apoiadas nunha imposta. Os capiteis son de decoración vexetal, agás un con talla de lazos. Os fustes das columnas son lisos, con bases toscanas. A arquivolta exterior, que pecha o conxunto, ten forma de banda de pequenos boceis con decoración de billetes en aresta. O tímpano centra todo o noso interese tendo en conta o motivo representado: a “X” de “Xristus”. A ambos os dous lados desta, destacan as figuras de nenos sostendo un libro ou instrumentos. Os motivos dos canlóns son idénticos aos de Santa María de Cela.
A igrexa de Hío é importantísima polo seu famoso cruceiro, obra do mestre Cerviño. O cruceiro, como sinala Hipólito de San Bravo, é un poema de teoloxía escrito en pedra, e quizais sexa o cruceiro máis importante dos que se conservan en Galicia. A orixinalidade e grandeza da obra é patente para o visitante. De finais do século XIX (1872), a escultura é marcadamente barroca polo aire teatral que lle imprime aos seus conxuntos o autor.
Tras observar ben esta marabilla, tallada en tres bloques de pedra, chegamos ao convencemento de que o mestre Cerviño estaba posuído pola xenialidade: só así entendemos que creara unha obra que transcenderá do temporal, para acadar as máis altas cotas de expresividade artística galega. É preciso contemplar con detemento as súas numerosas tallas, os múltiples rostros que o animan e lle dan vida, para compor a Historia da Salvación da Humanidade.
O Cruceiro arrinca do chan cunha escaleira octogonal de tres banzos, á que lle segue un ara sobre a que se asenta a estrutura principal da obra, composta por base, fuste e cruz. Cada unha destas realizada nunha soa peza. A base está formada por catro fornelas orientadas aos puntos cardinais. A da cara sur móstranos a Eva coa mazá no momento de ser tentada pola serpe. Neste caso pódese facer unha lectura como de principio e fin, xa que se o cruceiro comeza co Pecado Orixinal, acaba, no máis alto, coa redención deste, por medio da morte na cruz do fillo de Deus. A fornela que dá ao oeste forma conxunto coa anterior e representa a Adán no Paraíso. Na seguinte imaxe, Xesús logo de morrer na cruz, vai ao limbo a buscar aos Xustos para conducilos ao ceo. Neste punto temos que prestar atención á forma en como están ciceladas as portas do limbo. Mirando cara á igrexa está a cuarta fornela que nos mostra á Virxe do Carme como redentora das Almas do Purgatorio. Se nos fixamos, a figura á que lle estende a man ten un barrete de cura.
O fuste na súa parte máis baixa ten unha inscrición na que se imaxina un nome, que ben puidese ser o do Arcebispo de Santiago, e baixo este, unhas letras que rezan o seguinte: «Concedeu cen días de indulxencia» e é que o arcebispo da época concedeu cen días de indulxencia leve a toda aquela persoa que rezase un credo diante do cruceiro. Subindo pola columna, atopámonos a Adán e a Eva no momento de seren expulsados do paraíso. É aconsellable ver estas imaxes de perfil, xa que están unidas á columna unicamente polos pés, desta forma decatarémonos do ben que están tallados os corpos de ambas figuras. Enriba do conxunto anterior está a Virxe Inmaculada derrotando á serpe, que encarna o mal. Devandita advocación está representada cos seus símbolos habituais feitos neste caso de metal (chumbo): unha media lúa aos pés e unha coroa con doce estrelas na cabeza. Na parte alta vemos ao Arcanxo Gabriel, anxo da garda, collendo ao neno da man, que representa a inocencia que é salvada do Mal e doutra banda está o Arcanxo Miguel que, como é habitual, simbolízaselle loitando contra o diaño. Para rematar, debaixo da ménsula que sostén o conxunto final, atópanse os catro anxos que sosteñen a cidade sacra de Xerusalén.
No máis alto do cruceiro escenifícase o desencravo de Cristo. Esta é a parte máis importante do conxunto. Hai que destacar como foi baleirada aquela única roca de granito traída da zona de Liméns. É importante que un se pare a contemplar os detalles das vestiduras e as proporcións dos corpos, pero o primordial é a expresión que o autor conseguiu dar ás figuras. Facendo unha descrición da escena, vemos que Xesús está sendo baixado da cruz por Xosé de Arimatea, propietario do sepulcro onde foi depositado o corpo de Cristo, e por Nicodemo. Abaixo, San Xoán agárrao dos pés, mentres a Magdalena bótase as mans á cabeza e a Virxe María axeónllase mirando cara ás súas mans, que supomos, aguantaban a coroa de espiñas ou esperaba para recoller o corpo xacente do seu fillo. A escena complétase con dous querubíns que sosteñen os cravos (o da dereita) e a placa de INRI (o da esquerda). IESVS NAZARENVS REX IVDAEORVM «Xesús de Nazaret, Rei dos Xudeos». As ferramentas tamén son de chumbo.