Punto de saída/chegada: Igrexa de San Roque
Lonxitude: 5.65 km
Tempo aproximado: 2 h
O Sendeiro do Monte Castelo quizais sexa a ruta máis próxima para os que partan do centro de Cangas. Chegar camiñando dende o porto ao punto de saída do sendeiro, como é a ermita de San Roque, non levará máis de 15 minutos. A ermita foi levantada a finais do s.XIX no alto do monte de San Roque, aínda que se cre que puido haber outra anterior máis antiga. Dous grandes pinos centenarios, xa míticos pola cantidade de veciños que miraron ”bailar”, na popular romaría de mediados de agosto, nos recordan os mellores tempos destas festas. Tanto dende a ermita, como dende a erosionada Pedra do Elefante, a corta distancia, se contemplan unhas vistas excepcionais á ría de Vigo e á vila de Cangas en sí mesma, notando o desnvolvemento da mesma ao longo dos anos.
Baixando do Monte de San Roque por Serra Poñente, atravésase un tramo pequeno de estrada para chegar á zona do Balcón do Rei, que tamén será o outro punto de saída. Alí temos un área de lecer con fonte e bancos, e un precioso mirador ao que se accede por unhas lixeiras escaleiras a través dun frondoso souto de castiñeiros, e con vistas ao val de Coiro e á ría.
E xusto detrás, aparece o Monte Castelo, onde está documentada a presenza dun xacemento arqueolóxico que abarca dende a época castrexa ata a mítica fortaleza ou Castelo de Daravelo, erixido a finais do s.XII polo arcebispo de Santiago, Diego Xelmírez, e formando parte dun sistema defensivo xunto co Monte Leboreiro, a Torre de Meira ou a torre da Lanzada. Será destruido no s.XV durante a II Guerra Irmandiña, na que os campesinos, fartos dos abusos da nobreza, derruiron as fortalezas feudais, fuxindo moitos nobres e señores feudais a Portugal e Castela.
As vistas dende este cumio a máis de 250 mst de altitude e, ata fai pouco, só aptas para expertos, son excepcionais. Na base do monte pódese desfrutar dun bosque de carballos e castiñeiros “de película”, e unhas curiosas minas de auga escavadas na rocha.