Aunto de saída/chegada: Aparcadoiro superior do Colexio Eduardo Pondal
Lonxitude: 2.94 km
Tempo aproximado: 1 h
O Sendeiro de Varalonga é o máis curto dos percorridos, mais neste pequeno itinerario atopamos varios puntos de interese. Co selado do antigo vertedoiro municipal, a comezos da primeira década do dousmil, culminouse a transformación desa zona concreta nun “pulmón verde” da comunidade, facéndose varias repoboacións de frondosas, principalmente de carballos, castiñeiros e sobreiras. O último proxecto desenvolvido polas Comunidades de Montes de Darbo e do Hío, sobre a área de Varalonga, é o parque forestal, co obxeto da recuperación da zona, promovendo a posta en valor do monte e satisfacendo as necesidades ecolóxicas, económicas, sociais e culturais.
Unha das primeiras curiosidades que nos atopamos é o antigo marco divisorio entre as parroquias de Darbo e Aldán, inscrito nunha pedra vertical coa inscrición “Coto d’Aldao”, e que delimitaba orixinariamente as terras do Condado de Aldán. De ahí sube unha costa pronunciada que compensará de sobra as vistas que dende o alto, na zona do Outeiro da Raposa, a máis de 200 mts de altitude, se contemplan sobre a ría de Vigo e sobre o mítico monte Castelo, e se subimos ao Alto de Boudañido, as vistas aínda serán máis bonitas, coa praia de Liméns, as Cíes e a ría de Aldán. O sendeiro percorre a zona saltándose nalgún punto os camiños establecidos pero seguindo sempre unha boa sinalización da ruta. Cando chegamos novamente ao punto inicial do sendeiro, as vistas do solpor sobre a aldea de Liméns e sobre a illa sur de Cíes, a de San Martiño, son espectaculares.