Punto de saída/chegada: Cruceiro do Hío
Lonxitude: 11.19 km
Tempo aproximado: 3 h 45 m
O Sendeiro da Costa de Soavela, na parroquia de O Hío, conta con numerosos atractivos paisaxísticos e patrimoniais. Na propia saída temos o belo conxunto arquitectónico formado polo cruceiro, a igrexa e a casa reitoral. Do cruceiro, considerado o máis popular de Galicia, obra do escultor e canteiro Ignacio Cerviño no 1872, dise que é un poema inscrito en pedra, sendo esculpido, na súa meirande parte, nun só bloque de granito que culmina coa escena do Desencravo. En fronte, a Igrexa de San Andrés conserva unha bela fachada románica do s.XII, ao igual que os canzorros dos muros laterais. E para completar o conxunto, está a fermosa Casa Reitoral do ss.XVII e XVIII, na que podemos visitar os xardíns, coa fonte, o hórreo e o pombal.
Para subir aos montes do Hío, hai que facelo polo alto da Castiñeira, por unha calzada empedrada moi antiga, de orixe medieval, e cunhas vistas impresionantes á fermosísima ría de Aldán, coa enseada de Vilariño en primeiro termo. Ademais de curiosas pedras “con formas” como a “pedra do indio”, a “pedra furada”, ou o “home das Porteliñas”, atoparemos as instalacións da cooperativa Pouso da Serra, cos seus rabaños de cabriñas “biosegadoras” coas que nos cruzaremos facilmente por calquera recuncho dos montes do Hío cumprindo a súa misión. Unha das vistas máis belas do percorrido está no Alto do Pozo da Serra, a uns 170 mts de altitude, cunhas espléndidas vistas sobre a enseada e o complexo dunar de Barra, o Cabo Home e aldea de Donón. Continuando o sendeiro, e desviándonos uns metros da ruta, poderás achegarte á aldea medieval de Punxeiros, ao pé do mítico Monte do Facho, coas escavacións arqueolóxicas. A ruta segue pola parte menos coñecida da Costa de Soavela, co mirador de Pozo Negro sobre os abruptos cantís e a inesquecible posta de sol sobre as Illas Cíes, fieis gardas da Ría de Vigo.
Na ruta contémplase varios vestixios arqueolóxicos e etnográficos como un petróglifo ou un chozo de pastores, e a maiores, sempre está presente o mato, con xestas e toxo, dominando sobre todo, a zona máis costeira.