Ir o contido principal

Senda costeira Cangas-Donón

Senda costera Cangas-Donón

A senda costeira de Cangas-Donón ofrece ao visitante dende espazos protexidos pola Rede Natura 2000 a xoias arqueolóxicas en paraxes inesquecibles.

Características da ruta:

Puntos de saída: Antiga fábrica conserveira de Masso.

Punto de chegada: Donón.

  • Lonxitude Cangas-Liméns: 5 km
  • Lonxitude Liméns-Viñó: 7 km
  • Sendeiro azul de Donón: 11 km
  • Lonxitude total: 23 km (ida)
  • Tempo aproximado: 6 horas (ida)

Zona industrial Massó

Nada máis comezar a ruta destaca a presenza da Zona Industrial Massó. Inaugurada en 1941 segundo o proxecto do arquitecto Tomás Bolívar, sobre 20 hectáreas de terreo e 1 km de litoral. Ademais de fábrica de conservas contaba con dúas dársenas, varadoiros, taller, sección de envases metálicos, unha central eléctrica de emerxencia, unha factoría baleeira, unha fábrica de xeo e outra de fariñas de peixe.

Lagoa da Congorza

Seguindo  pola costa atopamos a Lagoa da Congorza, situada dentro do Espazo Natural de Punta Balea. Este lago conta cunha superficie de 1,7 hectáreas e no seu entorno atópase actualmente catalogada unha gran variedade de flora e fauna. Falamos de 400 especies de plantas, 70 de insectos coleópteros e bolboretas, 1 peixe (anguía de Lagoa), 6 anfibios, 14 réptiles, 140 aves (das que polo menos 23 crían na zona) e 20 mamíferos.

Areamilla

Areamilla é outro dos ecosistemas de dunas destacados de Cangas con 200m de praia, contando con dunas primarias, secundarias e terciarias. A vexetación dunar posúe unha serie de adaptacións que lles permiten desenvolverse cunha escasa presenza de auga e altas temperaturas. De aí a alta presenza de espiñas e pelos, ademais de largas raíces con tons de cor claro.

Nas praias prodúcese un contacto especial entre o medio mariño e o terrestre. Cando os fortes temporais removen a area e desenterran a fauna mariña somerxida, a ondada do mar deposita nas praias especies oceánicas, arrastradas centos de quilómetros polo vento. Xunto coas algas mariñas, que mediante a realización da fotosíntese transforman as substancias inorgánicas en materia orgánica, polo que constitúen a base das cadeas tróficas mariñas, constitúen un recurso fundamental para manter o resto da cadea alimentaria proporcionando, por exemplo, sustento á pulga de area que serve de alimento a gran cantidade de aves mariñas, especialmente as limícolas en migración.

As furnas

Seguindo o sendeiro atopamos furnas, dúas cavidades creadas no monte pola forza que exerce o mar ao romper contra a costa. O terreo cede, e fórmanse grutas ou buratos verticais dende os cales se pode oír o mar. A carón das mesmas sitúase un miradoiro con dous bancos para gozar dun merecido descanso e contemplar unha fantástica panorámica da Ría de Vigo.

Capela de Santa Marta

Se collemos dirección á parroquia de Darbo, á beira da praia co mesmo nome, atopámonos coa Capela de Santa Marta. A construción é de estilo románico, e non se coñece a súa data exacta de construción. A finais do Século XVI a igrexa atopábase moi deteriorada, e foi no 1603 cando se restaurou, perdendo gran parte das súas trazas románicas. Tamén se dispuxo un novo deseño como a cruz sobre o campanario. A ermida permaneceu en estado ruinoso durante gran parte do século XX, sendo reconstruída para o culto nos anos 80. A lenda conta que as irmás de Lázaro, Santa Marta e Santa Magdalena, escapando da persecución chegaron ás costas do Morrazo, sendo o lugar exacto onde se atopa a capela co mesmo nome. A iconografía representa a Santa Marta co tributo propio dos leprosos: o caldeiriño suxeito pola man. Utilizábase como sinal sonoro para advertir aos veciños da proximidade dun enfermo.

Praia de Liméns e Frondoal

Seguindo o sendeiro atopamos a praia de Liméns, a principal da enseada c uns 310 metros de lonxitude por 25 metros de anchura media, rodeada dun complexo de dunas de 8,7 hectáreas coñecido co nome de Frondoal. A praia ten as súas dunas estruturadas en catro capas ou niveis nas que destaca o último nivel pola súa vexetación de Pinus pinaster, que conforma un piñeiral que proporciona a estabilización das dunas. Este espazo natural contén unha flora e unha fauna de grande importancia medio ambiental.

Complexo dunar Nerga-Viñó-Barra

Despois de continuar polo sendeiro chegamos a este complexo de dunas, formado polas praias de Nerga, Viñó e Barra.

Constitúe o segundo dunar máis importante da provincia de Pontevedra pola súa extensión e o seu estado de conservación. Foi catalogado como Espazo Natural Protexido por ser un ecosistema de gran valor xeolóxico, botánico, micolóxico e fáunico.

As dunas son a reserva de area das nosas praias, e polo tanto, as que axudan a preservar os areais fronte á acción dos temporais.

Os ecosistemas dunares son espazos de interacción entre o mar e a terra, nos que o depósito de sedimentos deixados polo mar e a acción do vento, que transporta esa area cara zonas interiores, permite a aparición de plantas moi especializadas e adaptadas a vivir nun espazo moi hostil (con forte radiación solar, vento, elevada salinidade, escaseza de auga ou mobilidade do substrato), que á vez se converte no ambiente adecuado para que moitas especies de fauna atopen alimento e refuxio.

O piñeiral dunar transcorre pola parte superior destas praias e constitúe un claro exemplo de duna estabilizada, na que a vexetación cubre completamente a duna e provoca que esta careza de movemento, sendo parte importante do mosaico xeral de diferentes tipos de dunas que se atopan neste tramo.

Rego de Donón

Trátase dun ecosistema fluvial de grande importancia, que alberga gran cantidade de fentos, salgueiros, loureiros e outras especies de ribeira, e onde ademais habitan especies de fauna tan importantes como a píntega rabilonga, o sapiño pintoso, a longra ou o picapeixe.

Costa da Vela

Unha vez superado o Muíño da Seixeira temos ante nós a Costa da Vela, Espazo Natural Protexido pola Rede Natura 2000. Trátase dunha zona de altos acantilados, de ata 150m, cunhas fantásticas vistas sobre as Illas Cíes e Ons.

Conta con praias, dunas primarias, secundarias e establecidas, piñeirais, uceiras, acantilados rochosos e ecosistemas fluviais. A súa gran riqueza medio ambiental e de biodiversidade, permítenos atopar ademais das especies representativas dos ecosistemas do litoral galego, outras especies protexidas de gran valor dada a súa necesidade de conservación.

Destacan tamén os seus tres faros: o de Punta Subrido, o de Punta Robaleira e o de Cabo Home, punto de terra máis próximo ás Cíes; ademais da fermosa praia de Melide, de 250m de lonxitude na que salientan as súas dunas e o seu piñeiral.

Natura 2000 é unha rede ecolóxica europea de áreas de conservación da biodiversidade. A súa finalidade é asegurar a supervivencia a longo prazo das especies e os tipos de hábitats en Europa, contribuíndo a deter a perda de biodiversidade. É o principal instrumento para a conservación da natureza na Unión Europea. Consta de Zonas especiais de Conservación (ZEC) e de Zonas de Especial protección para as Aves (ZEPA).

Monte do Facho

Este promontorio situado a 165m sobre o nivel do mar, acolleu ao longo dos séculos diferentes asentamentos. No Facho atópase un xacemento arqueolóxico do Santuario ao deus Lar de Berobriga e tamén un posto de vixilancia costeira con obxectivos militares construído no século XVIII.

 

CARTEL