Cangas contou dende épocas moi antigas cunha serie de lugares, moitos deles de orixe precristián, onde se levantaron capelas e ermidas en cuxo interior venéranse imaxes sacras para o cangués, sobre todo para os temas de enfermidades como a peste e a lepra, que arrasaron o pobo en varias ocasións. Estas capelas adoitaban estar situadas fóra dos núcleos urbanos coa fin de evitar a presenza destes enfermos.
Hoxe en día consérvanse moitas delas, sendo de interese turístico sobre todo polas romarías que se celebran nos seus adros. Cabe destacar que en cada parroquia atópanse exemplos de distintas épocas e estilos, dende o románico ao barroco.
En Coiro
SAN COSME E SAN DAMIÁN. Situada na zona de Parada, na mesma estrada que nos leva a Bueu pola zona de Portela. Realizada no ano 1708 cun marcado estilo barroco, dunha soa nave rectangular. A súa porta principal está presidida por un gran escudo, así mesmo posúe unha porta lateral lintelada. A festa destes dous santos celebrase o 26 de setembro e son os patróns dos médicos e boticarios respectivamente, sendo representado San Cosme cunha vaixela de vidro e Damián cun instrumental de botica dentro dunha caixa.
ESPÍRITO SANTO. Atópase no barrio do mesmo nome e foi fundada no ano 1606 por un importante mercador da época. O seu estilo é barroco como se pode ver na súa planta basilical, e nos recentes engadidos na fachada. Ten unha sala á beira do altar maior, a modo de sancristía. A finais do mes de maio, en Pentecoste, os fregueses van render culto ao santo en busca da curación de problemas de peito tales como asma, tose, catarro,etc.
SANTO DOMINGO. Situada ao termo de Coiro e lindando coa parroquia de Tirán, levántase esta ermida fundada no ano 1718 pola familia Hormaeche. Do mesmo xeito que as outras capelas, esta consta dunha soa nave con cuberta a dúas augas. Nun principio tamén había devoción por Santa Isabel. A ermida tiña unha finalidade simplemente onomástica aos seus fundadores: Domingo de Hormaeche e Isabel de Oitabén.
En Darbo
Capela de San Roque
CAPELA DE SAN PEDRO. Do mesmo xeito que as outras capelas, esta consta dunha soa nave con cuberta a dúas augas
De estilo renacentista con trazos simples e conservada en bo estado. O seu estado actual é froito de varias reformas, que deixan ao descuberto a súa última restauración en 1993. A ermida comparte advocación a San Pedro e San Isidro. A imaxe de San Pedro, duns 50 cm. de altura, foi doada no ano 1820 por unha das familias acomodadas de época. Este santo está representado cunhas chaves na man, símbolo das portas do ceo, e cun libro na outra como símbolo de penitencia.
Entre os séculos XIX e XX empezouse a venerar a San Isidro tamén. A este santo levábano en procesión nun carro de bois adornado con espigas por ser o defensor das colleitas agrícolas na Idade Media. A Pedro mariñeiro pídenlle, sobre todo, os mariñeiros, abundancia nas faenas pesqueiras así como na saúde. Os fieis acoden a celebrar a festividade de ambos os santos o 29 de xuño. Esta ermida conta ademais con diferentes imaxes como son a de Santa Rita, Santa Lucía e Santa Lourdes, sendo esta última a máis recente.
CAPELA DE SANTA MARTA. Asentada na parroquia de Darbo, á beira da praia co mesmo nome. A construción é de estilo románico, e non se coñece a súa data exacta de construción. A finais do Século XVI a igrexa atopábase moi deteriorada, e foi no 1603 cando se restaurou, perdendo gran parte das súas trazas románicas. Tamén se dispuxo un novo deseño como a cruz sobre o campanario. A ermida permaneceu en estado ruinoso durante gran parte do século XX, sendo reconstruída para o culto nos anos 80. A lenda conta que as irmás de Lázaro, Santa Marta e Santa Magdalena, escapando da persecución chegaron ás costas do Morrazo, sendo o lugar exacto onde se atopa a capela co mesmo nome. A iconografía representa a Santa Marta co tributo propio dos leprosos: o caldeiriño suxeito pola man. Utilizábase como sinal sonoro para advertir aos veciños da proximidade dun enfermo.
CAPELA DE SAN ROQUE. Situada nos termos da parroquia de Darbo, dende o alto contémplase unha fermosa vista da Ría de Vigo e de Cangas. Foi levantada no século XVI, probablemente a consecuencia das fortes pestes que arrasaron a comarca nesa época. Nun principio estivo adicada a San Sebastián, soldado do exército romano que, condenado a morrer a frechazos por facerse cristián, foi salvado por unhas piadosas mulleres que o curaron. Despois dun tempo, San Sebastián presentouse curado ante todo aquel que o sentenciou e críao morto. A partir deste momento é elixido como patrón de todos aqueles salvados dunha morte segura. Este santo é representado semiespido, atado a unha árbore e con varias frechas cravadas no corpo. No século XV San Sebastián é substituído por San Roque, o cal está representado dende un principio ensinando as súas feridas nos nocellos e acompañado sempre por un can. Ambos os santos pasaron a ser os protectores da peste. Veneráronse con entusiasmo durante as epidemias de cólera que padeceu Cangas en 1832, 1854 e 1892. Sacábanos en procesión á vez que se atacaba ao mal con luminarias nas que se queimaban plantas aromáticas e loureiro para purificar o aire, botando todo isto despois polas roupas dos mortos para evitar contaxios. A festividade de San Roque celébrase o 16 de agosto e o de San Sebastián o 20 de xaneiro.
CAPELA DE SAN BLAS. Tamén coñecida como capela de Santa Magdalena, trátase dunha construción do S. XII dunha soa nave e de ábsida rectangular. Ten unha porta lintelada no muro meridional e outra no occidental cun tímpano. A ábsida contempla un único elemento decorativo, un carneiro e sobre el unha cruz de círculo central. O beirado é soportado por canzorros románicos simples e rematados con dous carneiros. Está situada na Portela, preto do Concello de Bueu
Esta igrexa tamén serviu durante séculos como punto de peregrinación daqueles que padecían o mal da lepra. A causa da súa deterioración, no ano 1598, o arcebispo Don Juan de San Clemente mandouna derrubar, sendo despois reedificada no S. XVII. Consérvase afortunadamente sobre o piñón testeiro da ábsida o «Agnus Dei», que nos lembra a súa orixe medieval. Erradicada a epidemia da lepra, esta ermida dedícase a San Blas, bispo e mártir en 316 moi popular durante a Idade Media que exerceu de médico. Un dos seus milagres foi cando se atopaba no cárcere e unha nai lle levou ao seu fillo atragoado cunha espiña, e San Blas devolveulle a vida. O ritual que se fai a quen acode a este santo consiste en poñerlle dous cirios cruzados sobre a cabeza e tocarlle con eles a garganta. Este santo represéntase portando nunha man os dous cirios cruzados e na outra un peite de ferro xunto co neno que salvou ou en ocasións cun porco. A súa festividade celébrase o 3 de febreiro.
En Aldán
CAPELA DE SAN AMARO. Situada nunha carballeira ao norte de Menduíña. Trátase dun templo de estilo neoclásico (S. XIX), froito da reconstrución da súa antiga forma. Un arco de medio punto aparecido tras o retablo, permítenos asociarlle unhas posibles orixes románicas. A ermida é grande.
Consta dunha soa nave rectangular e unha sancristía anexa cun alpendre. Destaca a súa sobriedade, con poucos elementos decorativos que resaltan as liñas xeométricas e clásicas. Nesta capela venérase a San Amaro (ou San Mauro) o 15 de xaneiro e a Santa Mariña o 18 de xullo. A principios dos 90, sufriu un incendio do cal só quedaron intactas as campás. Hoxe en día está restaurada, sen retablo, con santos e cuberta novos. Na espadana ten unha cruz paté. Cruces como estas tamén coroan a parte traseira e o pináculo do teito da sancristía. Mentres se construía a igrexa de San Cibrán de Aldán, esta capela tivo a categoría de igrexa matriz da parroquia. O atrio da ermida está rodeado por unha muralla na cal podemos ler claramente San Amaro. Para o seu acceso están unhas escaleiras en semicírculo onde antigamente se atopaba un portalón que impedía o paso ao atrio. Tamén podemos atopar un cruceiro xusto diante do edificio, un palco onde tocan as bandas de gaitas e a casa das «Ánimas» tamén coñecida como a «Casa das Velas», empregada polas mulleres para rezar polas almas do purgatorio e onde se gardaban os cirios.
En Hío
Igrexa e cruceiro do Hío
CAPELA DE SANTIAGO DE DONÓN. Pequena capela restaurada recentemente, situada ao borde da calzada ao comezo do pobo. Serve como lugar de culto para a xente do lugar e onde o párroco de Hío acode a realizar os seus oficios. Como o seu nome indica tamén está adicada a Santiago Apóstolo, do mesmo xeito que a Ex-colexiata, que é a igrexa titular da vila de Cangas. O seu día de celebración é o 25 de xullo, día de Santiago Apóstolo e de festividade en toda Galicia.
CAPELA DE SAN BARTOLOMÉ. Atópase na parroquia de Hío, concretamente en Vilariño, e está dedicada a San Bartolomé, un dos doce Apóstolos que compartiron mesa con Xesucristo na Última Cea. Trátase dunha pequena edificación do S. XVI (1593) de trazos moi simples onde case non se aprecia o carácter renacentista da súa portada. Foi mandada construír por un importante veciño de Cangas, D. Xoán Labado Mercador, capitán da vila que pediu tras a súa morte que lle dedicasen unha misa ao mes (feito moi usual entre a xente adiñeirada da época). No ano 1617, data clave na historia de Cangas, a capela sufriu o paso dos piratas turcos, tendo que ser restauradas algunhas das imaxes. En canto a San Bartolomé a lenda di que foi esfolado vivo, por iso é polo que os seus atributos son o coitelo ou ben a súa propia pel que o santo leva no brazo dunha soa peza a modo de gabán. A súa festividade conmemórase o día 24 de Agosto.
CAPELA DE SAN LORENZO. Desta capela situada en Hío pero na zona de Vilanova, podemos dicir que é de recente construción e que non presenta ningún detalle construtivo destacable. Está dedicada a San Lorenzo, mártir condenado a morrer queimado vivo nunha grella. A súa festividade é o 10 de Agosto.