Ir o contido principal

Capela do Hospital

Capela do Hospital
Dirección Xardíns do Señal, s/n. 36940 - Cangas

A primeira referencia da existencia desta institución, atópase en 1543, no listado de veciños que debían contribuír ao fisco, onde figura un tal Juan González do Espital (Hospital) que debía pagar dous reais. 
Desde esa data, as noticias desta institución son sempre illadas e con breves referencias á actividade do hospital: así Juan Franco, veciño de Cangas deixa por vía testamentaria en 1562, un carro de leña da súa devesa que deberá darse perpetuamente cada ano ao hospital para beneficio dos pobres. Terase en conta, con todo, que estes hospitais, a excepción dos que gozaban de certo prestixio como os de Toledo, Granada ou mesmo o de Santiago de Compostela que chegaron a ter médicos ao seu servizo, tiñan unha función máis de residencia ou lugar de acollida de pobres que do que hoxe entendemos por establecemento asistencial de enfermos.

En 1588 o visitador arcebispal dános a breve noticia de que o hospital ten catro camas e carece de renda algunha, noticia que ven a confirmar que a súa actividade como institución benéfica quedaba moi limitada ao depender dos cartos do rexemento (concello) e sobre todo da caridade popular. En 1649, nunha nova visita ao hospital, aclárase que ten unha capela. No último terzo do século XVII, a falta de recursos provocada polas crises pesqueiras e as guerras con Portugal, xunto coa ausencia de esmolas, provocaron a desaparición paulatina do hospital. Só a capela seguiu recibindo algunhas misas que habían de oficiarse en honra á patroa.

As instalacións do novo hospital débense á labor do crego Gonzalo de Nogueira e Araujo, que viviu a cabalo dos séculos XVII e XVIII. Edificou a nova capela, que foi empezada no 1711 e rematada no 1715, para que lle servira de última morada, dotándoa de propiedades e rendas suficientes para que estas se foran incrementando, co único obxectivo de perpetuar a súa memoria.

A fundación do hospital, formada ademais por varias casas terreñas e un hórreo, desaparece pouco antes do século XIX, por débedas, dilacións no pago e faltas de pagamento. Só a capela de Nosa Señora da Concepción permanece ata que é vendida e desmantelada pedra a pedra en 1966. A súa situación orixinal foi na rúa de Eugenio Sequeiros, exactamente onde hoxe está o edificio de ABANCA.

A finais dos anos noventa un movemento popular liderado por un arquitecto de renome da nosa cidade comezou a tomar forma. O proxecto de reconstrución da antiga capela, grazas a unha bolsa da Caixanova, culminou no  2002 coa súa inauguración nos Xardíns do Sinal. A capela non é utilizada para fines relixiosos, pero funciona como unha sala de exposicións e é  lugar de vodas civís.

Arquitectonicamente, consta dunha soa nave, con ábsida cuadrangular ameada, e en cuxo interior atópase a tumba do seu fundador. No brasón da fachada, resaltan os símbolos da familia Arauxo así como o da Santa Inquisición. A capela  está adicada a San Roque, a quen se lle rendía culto.  A modo de anécdota, contar que á morte do prior, atopouse unha caixa con 30.000 reais de prata, realmente unha fortuna tendo en conta que por aquel entón unha casa custaba uns 2.000 reais de prata.