Ir o contido principal

Darbo

Darbo
Dirección Situada no centro do termo municipal de Cangas

Darbo, igual que as restantes parroquias do municipio, posúe un litoral privilexiado, pero é moito máis que area e mar. No Monte de San Roque atoparemos unha pequena capela. Alí gozaremos dunha panorámica de toda a vila e gran parte da ría de Vigo. 

Os amantes das camiñadas atoparán no  «Balcón do Rei» un entorno espléndido para desenvolver a súa práctica deportiva favorita.

A parroquia conta con abondosos exemplos de arte popular, como son os cruceiros e os petos de ánimas. Son tamén numerosas as capelas e pequenos santuarios de grande antigüidade, coma os de San Pedro e San Blas. Pero non cabe dúbida de que a xoia arquitectónica de Darbo é a Igrexa Parroquial de Santa María. Construída no século XVIII é salientable pola súa decoración e proporcións, que deron como resultado unha das mellores mostras do barroco rural galego.

Un centenario cruceiro custodia a entrada da igrexa, que na súa parte posterior conta cunha fonte barroca.

Lugares de Darbo: Balea, Barreiras, Castelo, Cimadevila, Cunchido, Ximeu, Magdalena, Ourelo, Piñeiro, San Roque, Santa Marta, Seixo, Serra de Nacente e Serra de Poñente.

Praias

Salgueirón, Congorza, Praia do Medio, Areamilla, Praia do Porto e Santa Marta.

Que visitar

  • Miradoiro do «Balcón do Rei».
  • Ermida e miradoiro de San Roque.
  • Ermida de San Blas (Románica). 
  • Igrexa de Santa María.

Festas e celebracións

  • Festas de San Blas, 3 de febreiro. 
  • Festas de Santa Marta, o último sábado de xullo. 
  • Festas de San Pedro, 29 de xuño. 
  • Romaría de San Roque, a terceira semana de agosto. 
  • Romaría de Darbo, 6, 7, 8 e 9 de setembro.

 

A danza e contradanza de Darbo:

A danza e contradanza de Darbo está declarada de interese turístico galego.

O día grande de Darbo é o 8 de setembro. Despois dos oficios relixiosos e diante do adro da igrexa de Santa María, ten lugar esta histórica danza. Está considerada como unha das pezas máis antigas de Galicia, herdada e transmitida durante séculos xeración tras xeración. A danza data do século XVI e bailábase para dar grazas á Virxe polos favores recibidos durante o ano. Participan dez galáns, cinco damas, un gaiteiro e un percusionista, todos eles dirixidos por un guía que marca o tempo da Danza e da Contradanza.

Os danzantes distribúense en tres filas, seguindo ao guía principal, que leva as damas e as coloca formando un arco en fronte da fila da esquerda; esta sae e marcha por fóra da outra formando outra parte do arco que se une ó primeiro; e, por último, a outra fila de galáns cerra a circunferencia. Para a Contradanza utilízase a mesma colocación, o guía leva ás damas e despois aos contraguías coas súas filas para formar un círculo xeral. Desfacendo o círculo para volver ás tres filas iniciais e dando cada danzante unha volta sobre si mesmo, remata o baile.