Ir o contido principal

Aldán

Aldán
Dirección Situada no noroeste do Concello

Poucas poboacións de tan reducido tamaño posúen unha ría propia, protexida polos Cabos Udra e Punta Couso. Aldán é unha vila mariñeira, onde o viaxeiro pode contemplar as vivendas deste antigo burgo mariñeiro, mesturadas con centenarios hórreos; hórreos que nos amosan a supervivencia dunha arquitectura popular que soubo resistir o paso dos séculos.

O núcleo da parroquia sorpréndenos coa imaxe da Igrexa Parroquial de San Ciprián, de trazas neoclásicas, e a torre ameada, que se ergue tras os muros que delimitan o adro da igrexa. Unha estreita rúa guiaranos ata a fachada do pazo, morada da nobre liñaxe dos Aldao, que dominou estas terras dende a Idade Media. Á mesma época pertence a ponte emprazada en fronte da mansión, sobre o río Orxás. Este curso fluvial alberga muíños e unha fértil vexetación que pode servir de escusa para o paseo.

Lugares de Aldán:  San Cibrán, Herbello, Gandón, Menduiña, Piñeiro e A Espiñeira.

Praias

De Sur a Norte: San Cibrán, Con de Sestadelo, Cova da Balea, Areacova, Francón, Sartaxéns, Menduiña e Lagoelas.

Que visitar

  • A Ponte, que é unha ponte de pedra de orixe medieval e cruza o río Orxás pouco antes da súa desembocadura.
  • Ruta dos Muíños no río Orxás, que discorre dende o lugar de Sobreira ata o mesmo «Bosque Encantado».
Danza Aldán

Festas e celebracións

  • San Amaro, 15 de xaneiro. Na capela de San Amaro.
  • San Sebastián, día da Danza de Aldán, 20 de xaneiro
  • Festas de Santa Mariña. 18 de xullo 
  • Festas do Carme (Festas maiores). Última semana de xullo. 

 

A danza de San Sebastián de Aldán:

A danza de San Sebastián está declarada de interese turístico galego.

Báilase o día 20 de xaneiro, día de San Sebastián. As primeiras noticias que hai desta danza datan de 1650 aínda que se estima que é máis antiga. Participan 16 bailaríns, 10 homes, 5 mulleres e unha guía.

Os homes visten traxe e zapatos negros con sombreiro a xogo de feltro. As mulleres van con traxe branco, mandil negro con pedrería, mantón de Manila sobre os ombreiros e colares de pedrería de diferentes tamaños, e chapeus de palla adornados cunha reclamante composición floral artificial de diversas cores que penden pola súa parte traseira de numerosas e longas cintas de cores que chegan ata o chan.