Ir o contido principal

Cruceiro e Praza de Síngulis

Crucero y Plza de Síngulis

Subindo a costa de Síngulis, no centro de Cangas, atopamos cun conxunto monumental que consta de pazo, cruceiro e praza que atenden ao mesmo nome da rúa. 

O pazo é unha fermosa edificación de estilo barroco do século XVIII. Ten un escudo na fachada e unha gran balconada. Existe outro escudo nun muro á beira desta casa.

Na praza vemos varias «casas de patín», pero o que máis chama a atención é o marabilloso cruceiro barroco. Está situado na praza do mesmo nome, rodeado de casas de patín, e aquí dise que era onde se presenciaban os castigos aos condenados pola Inquisición nos ss. XVI-XVII.

O cruceiro, coñecido por algúns como Cristo dos Aflixidos, data do s. XV ou XVI e aséntase sobre catro escaleiras octogonais.

Na parte frontal da cruz, represéntase ao Cristo morto, coas mans pechadas, e na parte traseira, a Virxe das Dores, acompañada da inscrición INRI.

O capitel está moi traballado, e nel aparecen as cabezas de dous anxos, e nos laterais, unha cuncha de vieira.

O fuste é octogonal, do mesmo xeito que o pedestal e as catro escaleiras sobre as que se apoia.